Ponteareas esixe "obras urxentes" de mellora da seguridade na PO-403

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e a tenente de Alcalde, Chus Garrote, veñen de trasladar á Xunta de Galicia a "urxencia" de realizar melloras na seguridade viaria e peonil da PO-403, ao seu paso polo nucleo urbano de Ponteareas e as parroquias de Angoares e Moreira, núcleos densamente poboados. Estas obras son, dende hai moito tempo, unha das prioridades do Goberno local.

Tanto o alcalde como a tenente de alcalde e concelleira de Vías e Obras, puxeron sobre a mesa, nunha recente reunión mantida coa Conselleira de Infraestrututras, Ethel Vázquez, "a necesidade de acometer de inmediado as obras de mellora da seguridade peonil e viaria nesta estrada autonómica, especialmente na Avda. Castelao e na parroquia de Angores". No decurso da entrevista, o alcalde ponteareán deixou patente "o malestar do Goberno local e da cidadanía por non ter actuado nesta estrada que soporta unha altísima intensidade de tráfico dende a apertura da autovía hai máis de 20 anos". Represas e Garrote lembraron "o atropelo mortal do pasado mes de xullo nesta estrada na parroquia de Angoares".

Nesta reunión, Ponteareas esixíu concretar as actuacións prioritarias que precisa a PO-403 dando resposta así ás peticións xa trasladadas do goberno e da Corporación municipal que van na mesma liña que as demandas veciñais. En concreto, as primeiras medidas que o Goberno puxo enriba da mesa foron as obras na Avenida Castelao para completar as beirarrúas e no entorno da superficie comercial de Angoares na que aconteceron os últimos sucesos tráxicos.

Analizáronse as actuacións urxentes de mellora de seguridade para os centos de peóns que a diario utilizan as marxes da estrada PO-403 nas parroquias de Angores e Moreira, así como o tramo que cruza o núcleo urbano na Avenida Castelao. “Esiximos que asuman as súas competencias, é unha estrada da Xunta e é a administración autonómica quen ten que realizar as obras” manifestou Represas engadindo Garrote que “estamos a falar da vida das persoas”.

Para acelerar o proceso, o Goberno entregoulle á Conselleria unha proposta valorada para completar as beirarrúas na Avda. Castelao e suxeríu unha serie de actuacións que non son moi costosas e si mellorarían a seguridade peonil, podéndose realizar a curto prazo sen necesidade de ocupación de novos terreos.

Conscientes de que a Xunta conta con recursos para executar estas obras de emerxencia pero tamén de que non se pode agardar máis, o Goberno ponteareán instou á Consellería "a concretar actuacións e prazos inmediatos de execución".

A Consellería acordou que os seus técnicos analizarán as propostas aportadas por Ponteareas para comprobar se son coincidentes coas prioridades que marca a Xunta e realizar un informe que o goberno agarda chegue o antes posible. “A seguridade da cidadanía non pode esperar, pedímoslle á Conselleira que concrete si pensan acometer as obras urxentes, nesta estrada da súa competencia, ou nón?”, manifestou Represas.