Ponteareas acolle o Curso de Adestrador Avanzado de Fútbol-UEFA A

O concello de Ponteareas e a Federación Galega de Fútbol presentaron o curso de adestrador de fútbol avanzado que capacitará a vinte mozos e mozas para adestrar en calquera país da UEFA e que xa se está impartindo nas instalacións do Centro de Desenvolvemento Local. Por vez primeira Ponteareas acolle este curso que permite ao alumnado, adestrar todas as categorías de fútbol en todos os países da UEFA sen ter que convalidar titulacións ou pasar novas probas.

Este curso capacitará a vinte mozos e mozas nun recurso laboral máis, tal e como o destacaba o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, na apertura do curso ao que asistiu acompañado da concelleira de Comercio, Inés Vidal; do director da escola de adestradores da federación, Manuel Mosquera e do coordinador dos cursos José Luis Mosquera.

Cómpre salientar que Ponteareas é unha das poucas localidades que acollerán, esta tempada 18-19, os cursos de Adestrador Avanzado.

O alcalde Xosé Represas, quixo agradecer á Federación Galega de Fútbol a realización deste curso en Ponteareas xa que, sinalou, “sabemos que é unha oportunidade única e que son poucas as vilas que se benefician desta formación que prepara futuros profesionais e que abre a porta a moitos mozos e mozas a novas expectativas laborais”.

A Federación Galega de Fútbol tamén impartiu en Ponteareas o curso de monitor e adestrador básico de fútbol UEFA B.

A labor formativa desempeña un papel extraordinariamente importante dentro da Federación, e por extensión no fútbol galego. A Escola Galega de Adestradores, “é unha auténtica universidade do fútbol, e cada ano son centos os alumnos que pasan polas súas mans”, sinalaron dende a Federación.