Ponteareas contará cun técnico para a compostaxe comunitaria

O Concello de Ponteareas contará cun mestre composteiro para xestionar a compostaxe comunitaria. A incorporación deste técnico realízase ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, —Ponteareas é un dos doce Concellos adheridos— e permitirá atender tanto aos centros de compostaxe comunitario actuais coma os que se ten previsto crear en vindeiros meses de cara a potenciar este servizo.

O técnico, que dará asesoramento aos veciños que aporten os restos orgánicos aos composteiros comunitarios é, segundo Goberno local, "a aposta clara do executivo que preside Xosé Represas, pola compostaxe e a reciclaxe dos resíduos ten como obxectivo un tratamento sostible, ecolóxico e eficiente dos resíduos", ao tempo que se reduce a cantidade de lixo que Ponteareas envía a Sogama para o seu tratamento "e que representa un coste anual de 500.000 de euros para a facenda municipal".

“A normativa europea fixa uns obxectivos ecolóxicos que nos vindeiros anos os Concellos debemos cumprir en canto ao tratamento dos resíduos orgánicos pois do contrario podemos ter que cargar con graves sancións”, conclúe o alcalde Xosé Represas.