Esquerda Unida non apoiará a moción sobre a Variante de Ponteareas

O vindeiro martes 8 de xaneirom celebraráse un Pleno Extraordinario da Corporación Municipal de Ponteareas onde se debaterá unha moción conxunta do BNG, PSOE, A Riada do Tea, PP e ACiP na que se reclama ao Ministerio de Fomento a redacción dun novo convenio entre este, a Xunta de Galicia e o Concello de Ponteareas. Esquerda Unida sinala que para eles "nunca foi unha prioridade a construción desta variante. Todo o contrario", aseguran.

Para esta organización, a execución de novas vías de transporte "sempre deben xustificarse sobradamente, algo que non se da neste caso". EU sinala que "se ben é certo que se xeran pequenas retencións en horas puntuais no acceso da N120 ao núcleo de Ponteareas, non estamos ante unha cuestión da máxima urxencia". Ademais, engade a formación que representa Lino Costas no Concello, "está por demostrar que a construción desta circunvalación dea solución aos problemas de tráfico da N120. É bastante dubidoso que esta circunvalación que conectaría a saída da A52 na parroquia de Angoares coa N120 na zona do Barral, en Arcos, se utilice o suficiente como para desconxestionar a N120 nin, sobre todo, xustificar a agresión que suporá ao Rio Uma, un río —lembremos— incluído na Zona de Especial Protección do río Tea".

EU considera que se o estado ten que gastar 20 millóns de euros, tal e como estaba consignado nos Orzamentos de 2018 e como se reclama na moción, "estes estarían bastante mellor investidos promovendo unha mellora do trasporte público, algo que no Concello de Ponteareas é moi deficiente e que obriga a utilizar o transporte privado para acceder a calquera tipo de servizo". Lembra EU, de paso, que a Xunta de Galicia deixou a Ponteareas fora da Área Metropolitana de Vigo e consecuentemente da Área de Transporte Metropolitano, "algo que si sería positivo para a mobilidade no noso concello".

Polo tanto, Esquerda Unida, aínda que si apoiará o punto terceiro da moción no que se solicita a Fomento a redacción do proxecto de mellora da seguridade na N 120 ao seu paso por Ponteareas, "non apoiará os puntos relativos á reclamación da redacción dun novo convenio".

A moción de todos os partidos é, para EU, "unha mostra do nerviosismo destes partidos debido á proximidade das eleccións municipais de maio". Esquerda Unida de Ponteareas remata aseguranto que "non será partícipe de demagoxias electoralistas de ningún tipo, tal e como expoñen agora mesmo o resto dos partidos da corporación".