Segundo o PSOE de Ponteareas o PXOM recolle "un gran parking"

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e a tenente de alcalde, Chus Garrote, na entrada da antiga fábrica de Granitos de Galicia O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e a tenente de alcalde, Chus Garrote, na entrada da antiga fábrica de Granitos de Galicia

O PSOE de Ponteareas asegura que Belén Villar, portavoz do Partido Popular, "mentiu publicamente aos veciños" ao cualificar de "parche temporal o parking" de Granitos cando o PXOM prevé un aparcamento soterrado e en superficie ademáis da praza peonil. A portavoz socialista, Chus Garrote, considera que a edil do PP "actuou de mala fe" e "mentiu intencionadamente" para desprestixiar a boa xestión do Goberno municipal.

Neste senso, a tenente de alcalde e candidata socialista a alcaldía de Ponteareas, explica que o parking de granitos "forma parte do modelo e estratexia de mobilidade sostible que defende o Partido Socialista de Ponteareas".

Chus Garrote adianta que o parking "non será o único que se constrúa en Ponteareas". Para isto —sinala a concelleira socialista— o Goberno atópase en negociacións coa Xunta de Galicia "para a cesión dos terreos do actual campo de fútbol do Colexio Virxe dos Remedios para articulación dun novo aparcamento semisoterrado". A cambio desta cesión, o Goberno ten contemplado no seu proxecto "substituir o vello campo de fútbol de terra por un novo moito máis moderno, o que supón unha mellora das instalacións deportivas do colexio".

Chus Garrote lamenta que Belén Villar "siga empeñada en defender o proxecto de parking subterráneo na Praza Bugallal cando ningunha empresa se quixo facer cargo del ao ser inviable economicamente (5 millóns de euros)". Neste senso, a edil socialista recorda que o Parking que defende o PP sería de pago e que o prezo de cada praza de aparcamento sería 5 veces superior ao prezo medio de mercado, ao redor dos 18.000 euros.

Non documentarse, non ler ben ou actuar de mala fe
Pola sua banda, o alcalde de Ponteareas, o nacionalista Xosé Represas, lamentou a “reacción” da concelleira do PP, Belén Villar, ante a cesión dos terreos de Granitos de Galicia ao Concello. A edil popular advertíu hai uns días que o “parking” anunciado polo alcalde será temporal e un parche porque o PXOM prevé unha praza peatonal no lugar. Represas aclarou que o Plan Xeral prevé no solar un espazo peatonal, pero tamén aparcamento soterrado e en superficie, “un detalle que Villar pasou por alto, supoño que por non documentarse ou non ler ben e non por mala fe”. O alcalde facilitou aos medios unha copia da previsión contemplada no PXOM que confirma que existirán aparcamentos.

Xosé Represas sinalou que “non hai parches nin improvisación como acusa Villar, ao contrario, hai boa xestión e planificación, cunha medida inmediata consistente en crear un gran aparcamento no solar que a medio prazo pasará a ser un espazo peatonal con aparcamento en superficie e soterrado”. O alcalde ironizou engadindo que “sobre improvisación e parches na materia o PP e Villar son expertos: puideron facer un aparcamento soterrado hai anos na reforma da Praza Maior e non quixeron. A súa aposta son os chamados “lama park” ou parkings de prestado en solares privados, todo un exemplo de visión de futuro”.

O alcalde anima a Villar “a non enfadarse cando o Goberno que presido consigue cousas positivas para Ponteareas. Entendo que lle moleste porque ela e o seu partido durante décadas non foron capaces dun logro coma este, pero debería pensar nos intereses da xente que se vai beneficiar con esta medida e non nos seus intereses electorais”.