Éxito de participación no curso de iniciación na lingua de signos

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ponteareas, Verónica Carrera, entregou este martes, os diplomas ás e aos asistentes ao curso de iniciación á lingua de signos celebrado no pasado mes de decembro. Financiado íntegramente polo concello de Ponteareas, este curso de trinta horas de duración supón un paso máis no obxectivo de acadar unha sociedade máis igualitaria ademais de ofrecer, totalmente de balde, formación para mellorar os curriculums da mocidade de Ponteareas.

Este curso homologado celebrouse en horario de mañá de 09:00 a 14:00 horas. Na clausura do mesmo, a concelleira Verónica Carrera adiantou xa que ante a alta demanda que tivo esta iniciativa, que provocou unha longa lista de espera, "convocaránse novas edicións deste curso pero xa en horario de tarde para facilitar a participación de todas e todos".