A Comunidade de Montes de Xinzo denuncia os vertidos de lixo que está soportando

A Comunidade de Montes Veciñais de Xinzo vén de manifestar o seu máis fondo malestar, polos continuos vertidos de lixo que está a sufrir en terreos da súa propiedade, ao mesmo tempo que consideran que o proceder da administración autónomica nesta materia "é un atropelo" por canto, segundo os comuneiros de Xinzo, "en lugar de perseguir aos autores dos vertidos, actúan contra os propietarios dos terreos".

 Nos últimos tempos, segundo explica a Comunidade de Montes de Xinzo, estase producindo un continuo goteo de vertidos de todo tipo (restos de serradoiros de granito, entullo de obra, asfalto, pneumáticos, aceites, etc), "feitos que foron postos no seu momento en coñecemento da Policía Autonómica ou do Seprona", sen que tales denuncias, afirman oa comuneiros "teñan servido para nada". Como propietaria do terreo a Comunidade é, segundo a lexislación vixente en materia de residuos, a responsable administrativa destes residuos e, polo mesmo, a que debe retiralos da súa propiedade e responder ás sancións que lle puideran ser impostas pola administración de non proceder a esa retirada, e consecuente entrega a xestor autorizado, no prazo establecido.

A pesares de ser a propia Comunidade a que en moitos casos pon a denuncia ante a indefensión que sofre, "o que recibe a cambio é un escrito ameazante por parte da administración" aseguran fontes da Comunidade de Montes. Con isto, a Comunidade quere denunciar o que entenden como "un auténtico atropelo" por parte da Xunta de Galicia, que no canto de adoptar medidas de control en empresas que saben que xeran residuos e vixiar a trazabilidade destes, "o único que fai é cargar contra os propietarios do terreo", afirman indignados, "sabedores de que non son eles os autores de ditos vertidos, que nada teñen que ver coa súa actividade forestal, senón que están sendo os grandes prexudicados, advertíndolles de que de non retiralos serán multados e de que deben adoptar as medidas oportunas para que eses vertidos non se volvan producir!".

xinzo lixo02

Os comuneiros consideran "un atropelo" que en lugar de perseguir aos autores dos vertidos, a Administración actúe contra os propietarios dos terreos.

“Vai resultar que os culpables de que certos malnacidos vertan o lixo das súas actividades industrias ou das súas obras particulares nos nosos montes imos ser os propietarios dos terreos, por non ter tomado as medidas oportunas ao respecto”, explican os comuneiros de Xinzo.

Cada retirada e entrega a xestor autorizado do lixo que a Comunidade se vai atopando espallado polo monte oscila entre os 500 e os 2.500 euros como termo medio, pero a Comunidade asegura que o que incomoda máis, se cabe, e o ton e a insensibilidade coa que son tratados pola administración cando son os axentes os que tamén dan con algún vertido.

Queren deixar claro, para coñecemento da autoridade competente, que "cando eles descobren un vertido nós xa temos retirado catro. O que verdadeiramente esperaríamos deles, e que xustificaría a súa utilidade, é que deran cos autores dos vertidos, que cos puntos xa damos nós”, declaran. Neste sentido a Comunidade manifesta a intención de dirixirse ao vicepresidente da Xunta, demandando un cambio da lexislación que non converta ás vítimas en culpables e un apoio decidido por parte das administracións para a retirada destes residuos.

xinzo lixo03

A Comunidade de Montes de Xinzo advirte á administración competente que cando eles descobren un vertido "nós xa temos retirado catro"

En todo caso, os responsables da Comunidade teñen fundadas sospeitas de determinadas empresas, o cal puxeron en coñecemento das autoridades e estudan posibles medidas a adoptar na defensa da súa propiedade, posto que non están dispostos a seguir soportando que persoas carentes do mínimo sentido da ética e de conciencia medioambiental sigan a causar os danos que están provocando