Manifestación a prol do restablecemento do servizo de pediatría en Mondariz

Imaxe de arquivo da manifestación convocada pola Plataforma e que rematou nas portas do Centro de Saúde de Mondariz. O venres, unha vez máis e en Ponteareas, volverase a reclamar o restablecemento do servizo de pediatría Imaxe de arquivo da manifestación convocada pola Plataforma e que rematou nas portas do Centro de Saúde de Mondariz. O venres, unha vez máis e en Ponteareas, volverase a reclamar o restablecemento do servizo de pediatría

O vindeiro venres, 8 de febreiro ás 19 horas, Ponteareas acollerá unha manifestación na que veciños e veciñas de  Mondariz, Mondariz Balneario e Covelo, amais da propia Ponteareas, reclaman o restablecemento do servizo de pediatría en Mondariz (que cubría tamén aos concellos de Mondariz Balneario e Covelo) e que se cubran as baixas dos pediatras. Cómpre lembrar que dende o pasado 7 de novembro, os tres concellos quedaron sen servizo de pediatría derivando aos nenos e nenas ao PAC de Ponteareas, 

A poboación infantil de Covelo, Mondariz e Mondariz Balneario –máis de 700 nenos e nenas—, que era atendida polo pediatra no Centro de Saúde de Mondariz, foron derivados ao Centro de Saúde de Ponteareas ao quedar Mondariz sen pediatra ata que non se resolva o concurso de traslado da actual pediatra nun proceso que, dada a velocidade á que funcionan os trámites administrativos, ninguén sabe canto vai durar.

Esta circunstancia fai que os nenos e nenas de mondariz teñan que desprazarse máis de 10 quilómetros (os máis afortunados) e máis de 18 (a maior parte) para ser atendidos nun sobresaturado Centro de Saúde de Ponteareas incapaz de atender cun so pediatra a unha poboación infantil de máis de 4.000 nenos e nenas. Prodúcese, doutra banda, unha situación absolutamente incongruente ao ter, os nenos e nenas, a súa enfermeira de pediatría en Mondariz e a consulta en Ponteareas. 

Non deixa de ser unha situación kafkiana o feito de que, por unha banda, se deixe ao rural cun transporte público reducido a mínimos e, doutra obríguese aos nenos e nenas a desprazarse unha media de 15 quilómetros para ser atendidos polo servizo de pediatría, o que fai que as familias, nais e pais teñan que perder toda unha mañá para levar aos seus fillos ao médico . A situación, tal e como denuncia a Plataforma en defensa do servizo de Pediatría, "está a poñer en risco a saúde da poboación infantil".

Logo de que a Plataforma organizara unha manifestación entre Mondariz Balneario e Mondariz, secundada masivamente polas nais, pais e familias, a propia plataforma fixo unha reclamación, en decembro de 2018, á Consellería de Sanidade, solicitando unha reunión co xerente de Atención Primaria, "sen obter resposta a día de hoxe", sinalan voces autorizadas da Plataforma. Por todo isto e trala reunión mantida o venres 25 de Xaneiro coa FANPO (Federación de ANPAS do Condado, paradanta e Louriña) e a 'Plataforma polos nosos fillos' de Ponteareas, na que se tratou a situación da sanidade infantil no Condado, veñen de convocar a todos os veciños e veciñas á manifestación que terá lugar no concello de Ponteareas o venres 8 de febreiro a partir das 19 h dende o Concello ata o centro de saúde de Ponteareas, para reclamar que se restableza o servicio de pediatría en Mondariz e Covelo de forma continua, e se cubran as baixas dos pediatras.