Ribadetea reclama solucións urxentes ao deterioro hixiénico-ambiental da parroquia

Integrantes da Plataforma polo Saneamento de Ribadetea na reunión mantida co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil Integrantes da Plataforma polo Saneamento de Ribadetea na reunión mantida co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil

A Plataforma polo Saneamento de Ribadetea asemella que comeza a estar farta de boas palabras e reunións baleiras. Nun escrito remitido aos medios de comunicación, a Plataforma sinala que logo información facilitada por Augas de Galicia e publicada nos medios de comunicación o pasado día 24, "condenamos a utilización partidista da realización dunha infraestrutura que é unha necesidade tan básica para o conxunto dos veciños da nosa parroquia".

A Plataforma é clara ao sinalar que, "en vez de escorrer o bulto, botándose a culpa entre dunhas administracións a outras", o que veciños e veciñas de Ribadetea queren "é que cada administración faga o que se comprometeu a facer cos representantes dos veciños de Ribadetea".

Nesa liña teñen, polo tanto, esixencias a tres bandas: á Xunta de Galicia, á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) é ao propio Concello de Ponteareas.

plataforma ribadetea presidenta augas de galicia

Representanes da Plataforma na reunión que mantiveron coa presidenta de Augas de Galicia en Santiago

Á Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, reclámalle a Plataforma que "tal e como se comprometeu a súa presidenta na reunión mantida en Santiago o día 13 de novembro do pasado ano", redacte o proxecto definitivo de saneamento para toda a parroquia, incorporando aqueles elementos propostos polos representantes dos veciños e pola empresa de enxeñería do Concello de Ponteareas. Lembra a Plataforma que na reunión "comprometéronse a que nun prazo de 6 meses estaría rematado o devandito proxecto".

Doutra banda, reclámase ao presidente CHMS, que faga efectivo o compromiso acadado na reunión mantida cos veciños o 5 de febreiro deste ano "para retirar a prohibición de realizar obras de saneamento en Ribadetea, adoptada polo anterior goberno central no ano 2015".

E ao Goberno local, pídese que amosen "un apoio explícito e unha determinación activa á realización do saneamento de Ribadetea" segundo o compromiso amosado no Pleno do 18 de setembro do pasado 2018.

Así as cousas, a Plataforma lémbralle a todos os responsables das diferentes administracións, "que somos unha parroquia de 900 habitantes, pola que pasa o río Tea que pertence á rede Natura 2000; pero que sufrimos a contaminación das augas subterráneas e dos nosos regatos, impropias da Europa do século XXI. Unhas lamentables condicións hixiénico-ambientais que é urxente corrixir".

Pódese dicir máis alto, pero dificilmente máis claro.