ACiP denuncia a presenza de auxiliares de Policía Local "poñendo multas de tráfico"

Juan Carlos González Carrera, portavoz de ACiP e candidato á alcaldía Juan Carlos González Carrera, portavoz de ACiP e candidato á alcaldía

O portavoz de Alternativa Ciudadana de Ponteareas e candidato á alcaldía, Juan Carlos González Carrera, vén de denunciar o que considera “alarmante incremento de sancións e recadación abusiva” por parte do Concello de Ponteareas en materia de tráfico. Segundo González Carrera a súa formación tivo que recorrer “ao amparo do secretario municipal para que lle fora recoñecido o dereito a acceder a esta información”. Segundo os datos, di o portavoz de ACiP, no 2017, as sancións impostas foron 1.878 fronte as 1.329 do ano 2017”.

Esta situación esperta a estrañeza no partido independente ao sinalar que “comparando esta vila con outros concellos similares, en ningún dos restantes rexistrouse un incremento tan elevado”. A esta situación Juan Carlos Gonzále engade a “irregularidade” de moitas das sancións que, afirma “son impostas por auxiliares” sendo neste sentido clara a lexislación ao sinalar que esta figura “ten atribucións moi limitadas e sempre ao amparo e coa compañía dun funcionario da policía local”.

A realidade en Ponteareas, afirma o portavoz de ACiP é ben distinta xa que “son moitos os veciños que puideron comprobar como estes auxiliares patrullan as rúas en solitario, mesmo en quendas de noite, co uniforme de axente de policía local, cousa que tampouco poden facer, ou conducindo vehículos policiais”.

A situación vén dada, explica Juan Carlos González Carrera, polo feito de que en Ponteareas “pasamos de 24 axentes en 2010 a menos do 50% na actualidade” e acusa ao Goberno local de “desmantelar un servizo que están obrigados a manter”.

ACiP considera esta conduta como “improcedente” e anima á veciñanza sancionada “que teña sospeitas que fora realizada por un auxiliar a que se poñan en contacto con esta formación que lles informará sobre como presentar o oportuno recurso”.