Ponteareas da por rematado o acondicionamento do aparcamento de Granitos de Galicia

O Concello de Ponteareas vén de dar por rematados os traballos de acondicionamento do novo aparcamento municipal ubicado no solar da antiga empresa Granitos de Galicia e Aceros del Tea. O estacionamento, inicialmente, contará con 61 prazas, dúas delas para persoas con mobilidade reducida e catro para motos. A concelleira de Vías e Obras e tenente de alcalde, Chus Garrote, adiantou xa que a instalacion ampliarase próximamente duplicando o número de prazas iniciais.

Este novo equipamento é unha realidade tras lograr o Concello a cesión de 7.300 m2 do solar das empresas, que pasará a ser propiedade municipal no intre da aprobación do PXOM. A cesión inclúe tamén o antigo edificio de Aceros del Tea. Esta actuación axudará a desconxestionar o centro de Ponteareas ofrecendo unha alternativa de estacionamento nun lugar estratéxico.

A tenente de alcalde, Chus Garrote, lembrou que “no futuro o espazo poderá albergar un aparcamento soterrado e, na superficie, zonas verdes, destinándose o edificio de Aceros a uso público”.