Ponteareas limita o horario dun concerto no Paseo Matutino atendendo ás queixas veciñais

Roberto Mera, concelleiro de Bo Goberno do Concello de Ponteareas Roberto Mera, concelleiro de Bo Goberno do Concello de Ponteareas

Logo de anunciar a posta en marcha dun Plan de Convivencia e Civismo en Ponteareas, o concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, adoptou unha primeira medida dirixida a conciliar o dereito ao ocio e o dereito ao descanso da veciñanza. O pasado 2 de xullo a Federación de Comercio e Hostelaría Banastra solicitou no Concello autorización para celebrar unha Festa Ibizenca o sábado 27 de xullo, con comezo ás oito da tarde e que concluiría cun concerto dun DJ na rúa Paseo Matutino entre as doce media da noite e as dúas da madrugada.

Á vista da solicitude, Roberto Mera mantivo varios encontros cos organizadores para transmitirlles a necesidade de limitar o evento a un horario máis razonábel que fora respectuoso co dereito ao descanso da veciñanza “dunha rúa que xa soporta de por si unha elevada contaminación acústica por tráfico, locais de ocio e persoas na rúa”.

Mera explica que “como medida provisional, decidimos que todas as solicitudes de concertos presentadas con posterioridade ao 1 de xullo terán como horario límite, durante o verán, as doce e media en sábados e as once e media no resto dos días, coa única excepción das festas patronais, como sempre aconteceu”. A medida é provisional á espera de ver o resultado do proceso de participación veciñal que se porá en marcha para aprobar o Plan de Convivencia e Civismo e do que sairá unha normativa municipal definitiva que regule os horarios.

Pola súa parte, a veciñanza da rúa tivo coñecemento das pretensións dos organizadores pois estes anunciaron o evento cun horario até as dúas da madrugada sen agardar a resposta municipal. Un grupo de residentes no primeiro tramo do Paseo Matutino mantivo unha reunión con Mera, quen lles trasladou a decisión do goberno local de limitar o horario previsto polos organizadores, decisión que foi ben valorada até o punto de que nesta semana se presentaron máis de cen sinaturas de veciños e veciñas respaldando a decisión municipal.

Mera agradeceu a “comprensión dos organizadores que finalmente modificaron a súa solicitude, refacendo o programa até as doce e media”. O edil nacionalista recoñeceu ser conscente “do malestar dalgúns hosteleiros” aos que lles pedíu “empatía cos seus veciños” e un esforzo por facer compatíbel “o ocio, os seus negocios e os dereitos dos que non participan deses eventos e queren respecto para o seu dereito ao descanso”.

Roberto Mera sinalou que “desde o goberno seguiremos apoiando á hostelaría, as súas iniciativas e actividades, pero velando pola convivencia e os dereitos de todos os cidadáns”.