O humorista Xan Veiga amenizará a tarde do domingo na Feira de Outono

A Feira de Outono de Ponteareas, amais do interese que esperta entre a veciñanza e visitantes, como lugar no que mercar produtos ecolóxicos e de tempada, conta cunha serie de actividades paralelas, organizada polo Concello de Ponteareas, de cara a que o evento sexa aínda máis atractivo. O domingo pola tarde, a Feira de Outono terá un espacio especialmente dedicado ao humor a cargo de Xan Veiga.

Ás 18:30 horas do domingo, Xan Veiga deleitará aos presentes cun monólogo no que contará, en clave humorística, as costumes do noso día a día. Xan Veiga ten desenvolvido diversas actuacións como actor, contacontos, monologuísta ou presentador. É coñecido pola súa participación en diversos programas da TVE, como No te rías que es peor, e da TVG, como Supermartes, Luar ou Contando Estrelas, onde foi copresentador.