Arde unha cafetería en pleno centro de Ponteareas

O propietario do establecemento (con camiseta branca) sufriu queimaduras leves nos brazos ao intentar apagar as lapas antes da chegada dos bombeiros O propietario do establecemento (con camiseta branca) sufriu queimaduras leves nos brazos ao intentar apagar as lapas antes da chegada dos bombeiros

Cara as 9 horas da mañá de hoxe, os Servizos de Emerxencia Municipais acudían a sufocar un incendio que se declaraba na cafetería O Xardín, na céntrica rúa Rogelio Groba, fronte á Casa do Concello de Ponteareas. Todo apunta a que o lume comezou nunha fritidora da cociña do establecemento hostaleiro, provocando unha densa fumareda e o risco de que as lapas prenderan no dobre teito de madeira, poñendo en risco a vivenda superior que tiña tamén chan do mesmo material.

A rápida intervención dos Servizos de Emerxencia Municipal, que precisaron de equipos autónomos de respiración para sufocar as lapas, debido á intensa fumareda que había non interior da cafetería, evitou que o lume estendérase tanto ao piso superior do inmoble, coma ás vivendas dos arredores.

A existencia dun dobre teito e a posibilidade de que as lapas estendéranse a través do mesmo, e o perigo que supuñan as bombonas de butano que tiña o establecemento, marcaron as prioridades dos bombeiros ponteareáns á hora de actuar. Unha vez extinguido o lume, procederon a ventilar tanto o local afectado como o outro establecemento hostaleiro situado ao carón do sinistrado.

Afortunadamente, non houbo que lamentar desgrazas persoais e só o propietario do establecemento sufriu pequenas queimaduras nos brazos ao intentar apagar o lume antes da chegada dos bombeiros, sendo atendido en primeira instancia no lugar dos feitos polos servizos de emerxencias médicas e, posteriormente trasladado ao centro de saúde.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, que seguiu de preto as labores de extinción coordinando a actuación das mesmas, salientou “a rapidez de resposta dos servizos de emerxencia municipal que chegaban ao lugar dos feitos en pouco máis de dous minutos dende que se dera a voz de alarma”.

Tanto o alcalde como a concelleira de Tráfico e Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, salientaron a necesidade de que as administracións provincial e autonómica “ póñanse de acordo “para que Ponteareas, tanto pola importancia e extensión do municipio, coma pola súa situación estratéxica, sexa base dun segundo Parque Comarcal de Bombeiros”. Este segundo parque comarcal, ao entender do Concello Ponteareán, “debidamente dotado de medios humanos e materiais”, permitiría cubrir con garantías, amais de Ponteareas, “os concellos do Condado e A Paradanta que quedan bastante afastados da cobertura que lles poida prestar o Parque Comarcal do Porriño e que, polo tanto, teñen un tempo de resposta maior”.

O alcalde Xosé Represas lembraba que, como se puido comprobar hoxe no incendio de Ponteareas, “o tempo de resposta pode marcar a diferenza entre un sinistro con danos materiais e unha auténtica catástrofe”.