Patrimonio emite un informe favorable ao PXOM de Ponteareas

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, vén de emitir un informe favorable en relación ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ponteareas. Este órgano autonómico considera que a documentación do PXOM de Ponteareas presentada para a súa aprobación provisional recolle de forma xeneralizada as emendas, correccións e información complementaria requirida no informe da Dirección Xeral de Patrimonio.


Tendo en conta esta documentación, a Dirección Xeral estima que se introducen as medidas protectoras e correctoras necesarias para a protección do patrimonio cultural do municipio e, en consecuencia, emite un informe favorable. Considera que “as listaxes por parroquias son completas e coherentes”, e que “se acompañan de planos nos que se indentifican, no medio urbano e no medio rural, os bens do patrimonio cultural e os seus contornos”.

Trátase dun informe favorable máis ao PXOM desenvolvido por este goberno local e permite dar un paso máis cara a aprobación definitiva dun dos proxectos máis importantes para os veciños da vila.