Represas afirma que como Alcalde a súa obsesión será crear emprego

Xosé Represas, flanqueado por Roberto Mera e Anxo Quintana, dirixíndose aos empresarios Xosé Represas, flanqueado por Roberto Mera e Anxo Quintana, dirixíndose aos empresarios

O candidato do BNG á Alcaldía de Ponteareas, Xosé Represas, afirmou onte diante dun cento de empresarios, comerciantes e autónomos da localidade, que “a miña obsesión como Alcalde será crear emprego en Ponteareas e reducir o paro que afecta a máis de 3.000 veciños e veciñas”. No acto, presentado e conducido por un histórico do nacionalismo ponteareán, como Roberto Mera, tamén participou Anxo Quintana.

Para conseguilo, Represas foi enumerando as diferentes medidas que aplicará se acada a Alcaldía de Ponteareas. Entre elas renunciar ao salario como Alcalde e destinar ese diñeiro a plans de creación de emprego, unha medida que se engadiría a incentivos e bonificacións fiscais dirixidos a aqueles emprendedores que queiran abrir un negocio ou unha actividade en Ponteareas. A creación dun viveiro de empresas, a reforma total do Centro de Desenvolvemento Local ou a creación dunha bolsa de emprego son outras das medidas anunciadas por Represas.

Pola súa banda, Anxo Quintana salientou que para apoiar ao comercio local o que debe facer un Concello “é traer clientes á localidade” e lembrou como en Allariz recuperando o casco histórico e o río e convertendo a localidade nun referente en Ourense e no resto do país, se conseguiu revitalizar a economía local. Represas comprometeuse a converter Ponteareas nunha vila viva, con ampla actividade cultural e de ocio, recuperando o río Tea coma un espazo de goce para a cidadanía e habilitando aparcamentos. “Medidas coma estas son as que poden beneficiar ao comercio, a hostalería e os servizos de Ponteareas”, engadiu o candidato.

Por último, Roberto Mera, que presentou e conduciu o acto destacou de Represas o seu talante e capacidade. “Será un alcalde que non se quedará de brazos cruzados coma Solla ante o peche de empresas importantes coma Avigán, Granitos de Galicia ou Gramol e traballará tomando medidas que permitan á xente atopar traballo. Represas non busca no Concello un medio de vida, por iso pode renunciar ao salario de Alcalde. El ven ao Concello para axudar aos veciños e veciñas que peor o están pasando”, concluíu Mera