A aula CeMIT retoma a súa actividade con novos cursos de balde

O concelleiro de Novas Tecnoloxías, o socialista Benito Márquez, na aula CeMIT de Ponteareas O concelleiro de Novas Tecnoloxías, o socialista Benito Márquez, na aula CeMIT de Ponteareas

O Centro para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) do Concello de Ponteareas, que depende da concellería de Novas Tecnoloxías dirixida polo socialista Benito Márquez, retomou a súa actividade o xoves pasado con novos cursos. A aula, situada no segundo andar do Centro Social da rúa Oriente, seguirá ofrecendo os seus servizos ata decembro deste ano 2018 gracias ao convenio de colaboración entre o Concello de Ponteareas, a Xunta de Galicia, a Fegamp e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).

Estes cursos están dirixidos a tódolos tramos de idade co obxectivo de formar, actualizar os currículums do alumnado e, sobre todo, achegar a informática e as novas tecnoloxías a toda a cidadanía.

Cursos adaptados ao nivel e necesidades do alumnado que van dende o manexo de Excel á edición informática e a ofimática en xeral. Ao longo do ano tamén haberá cursos específicos, como por exemplo manexo de Facturaplus que serán anunciados na páxina web do concello.

De luns a venres, de 16:00 horas a 21:00 horas, calquera veciño ou veciña de Ponteareas pode ser beneficiario destes cursos que a concellería de Novas Tecnoloxías ofrece totalmente de balde, co obxectivo de favorecer a inclusión dixital.

“O obxectivo desta aula é promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos necesarios para que as persoas poidan desenvolverse cun ordenador, e prestando especial atención aos colectivos máis afectados pola brecha dixital. Tamén buscamos fomentar a formación dixital entre os profesionais e achegar ás pemes as vantaxes da sociedade da información”, sinalou o concelleiro socialista Benito Márquez, quen tamén aproveitou a ocasión para animar a tódolos veciños a que se anoten nos diversos cursos e aproveiten esta oportunidade.