Ponteareas reúnese con Fomento para tratar da seguridade viaria na N-120

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas; a tenente de alcalde, Chus Garrote; un representante de cada grupo da oposición e un representante de cada parroquia da plataforma veciñal pola seguridade viaria na N-120 (Xinzo, Areas e Arnoso) reuníronse onte co xefe de demarcación de estradas do Estado en Galicia, Ángel González del Rio, para poñer enriba da mesa a urxencia da contratación da iluminación que o Ministerio xa publicou no BOE no pasado mes de agosto.

O xefe de demarcación xustificou o atraso da tramitación a nivel de estado por parte de Facenda e Fomento e comprometeuse a que a obra estará realizada antes de final deste ano e que, previsiblemente, o comezo das obras será no mes de maio. O Goberno e os representantes veciñais trasladaron o descontento e malestar existente ao non concretarse esta actuación e non ter sido acometidas as obras neste inverno.

Todos os asistentes á reunión expuxeron a necesidade de concretar o proxecto de mellora da seguridade viaria con glorietas e coa senda peonil nos cinco quilómetros de tramo da N-120 que transcurrren entre o centro urbano e as parroquias de Arnoso, Areas e Xinzo. Sobre estas actuacións o Ministerio adiantou que, no vindeiro mes de marzo, teñen previsto licitar a redacción do proxecto que contará cun total de 2,2 millóns de euros. Esta tramitación demorarase porque o proxecto será exposto ao público para o prazo de alegacións e contemplará a expropiación puntual de terreos.

Todos os presentes foron unánimes na demanda da concreción da circunvalación dando o paso previo de asinar o convenio entre Ministerio, Consellería e Alcaldía para que, por fin, a Xunta realice a súa parte que é o proxecto de execución necesario para executarse as partidas económicas que figuran previstas.

O alcalde, pola súa banda, urxiu á Consellería e ao Ministerio "a fixar a data para asinar este convenio paso previo imprescindible".