Non temos aprendido nada

Tiña eu a esperanza, tonta polo que se mira, que a vaga de incendios sufrida en outubro do 2017 servira cando menos para sacar algunha conclusión por moi pequena que fora. Hoxe, un ano e medio despois, cando os nosos montes aínda non comezaron a recuperarse –só hai que pasarse polo concello das Neves, por poñer un exemplo– chegamos a conclusión de que, tristemente, non temos aprendido nada e non sacamos, ou non sacou a administración autonómica, ningunha conclusión.

Hoxe, en Lira, parroquia do concello de Salvaterra de Miño, xusto no linde con Ponteareas, houbo o primeiro aviso. Por sorte, se é que se pode falar de sorte nun lume forestal, este tivo lugar nun dos poucos montes limpos e logo do traballo das brigadas de terra, o apoio dun helicóptero e varias horas de 'sudada', conseguiron que a cousa non fora a mais. 

Quédome, non obstante, coas caras de medo de veciños e veciñas que tiñan as súas casas a menos de 200 metros. Esas son, precisamente, as caras que se deberían ter en conta dende os despachos –polo visto afastados da realidade– cando se toma a decisión de non facer nada e confiar en que "en Galicia sempre chove". E dicir, o que sempre se fixo e que polo visto séguese a facer. Para determinados estamentos oficiais, de nada serven as alertas sobre o cambio climático, sobre a cada vez máis preocupante falta de choivas, sobre a proliferación de eucaliptos, sobre a necesidade imperiosa de traballos preventivos no monte...

De nada serve, polo visto, que se teña demostrado, unha e outra vez, que as árbores autóctonas constitúen unha barreira natural contra os lumes amais doutros beneficios medioambientais sinalados en reiteradas ocasións polos que entenden destas cousas e que, non sendo experto na materia, por prudencia non me atrevo a sinalar.

Logo dos golpes de peito, visitas para sacarse fotos, promesas de axuda aos milleiros de persoas afectadas –moitas das que aínda, a estas altura de campionato aínda están en trámites–, despois de todo iso... pois despois pasou o día e, polo visto, tamén a romaría.

Agora, con temperaturas impropias da época –hai cambio climático, lembran?– Galicia comeza a arder e é cando veciños e veciñas dánse de conta que no se ten feito absolutamente nada. Hoxe, un veciño, coa súa casa a escasos douscentos metros do lume, facía unha pregunta sinxela: "qué teño que facer para que o meu veciño limpe a finca que está chea de maleza?". Os concellos teñen unha directrices claras, ou cando menos enchéronse a facer papeliños de avisos da necesidade de ter as fincas e montes limpos. Iso levaba, ao noso veciño protagonista a formular unha segunda pregunta: "quen se encarga de que esa norma cúmprase?" Amigo! Iso xa é outra cousa ben distinta.

A Asociación Forestal de Galicia e os comuneiros comezan a estar fartos de predicar no deserto, de atopar portas de administracións pechadas ou de reunións baleiras de palmadiñas nas costas, un "tomamos nota" e ata a próxima co que, visto o visto, é mellor atopar a porta pechada porque polo menos sabemos que non fixeron nin pajorero caso.

En Galicia, para a nosa desgracia, non chove sobre mollado. Xa quixéramos! En Galicia, tristemente, arde sobre queimado.