Salvaterra facilita a conciliación familiar e laboral cos campamentos de verán

Este pasado luns daba, en Salvaterra de Miño, a segunda quincena do Campamento de Verán, unha iniciativa enmarcada no programa de conciliación familiar que desenvolve o Concello que preside Marta Valcárcel. "Este Concello leva anos traballando en diferentes accións e programas de conciliación familiar e laboral, que se desenvolven durante todo o ano, se ben é verdade que é sobre todo na época estival onde se fai un esforzo máis salientable, xa que é a época mais difícil para a propia conciliación", explica a rexedora municipal.

Cómpre salientar que Salvaterra de Miño é un Concello en crecemento, "onde moitas parexas novas elixiron vivir e formar a súa familia nun entorno tranquilo e onde o que se prima é a calidade de vida", di Valcárcel.

Nun Concello cunha poboación infantil de 4 a 14 anos de máis de 900 nenos é moi importante planificar as accións tanto formativas como de ocio e focalizalas e dirixilas sobre todo a esa franxa de idade, por ese motivo este ano, a Alcaldía "daba un un paso máis" ao estender estes campamentos de conciliación, que nun principio estaban enfocados ao mes de xullo, tamén ao mes de agosto. Así este ano a oferta esténdese as catro quincenas, nas que participan máis de 100 nenos e nenas, coa opción de aula matinal e comedor, en colaboración coa ANPA.

Durante estes dous meses os participantes realizarán diferentes actividades de animación musical, obradoiros, deporte, xogos de auga...