O Pleno de Salvaterra solicita o Grao en Enoloxía para a Universidade de Vigo

O Pleno do Concello de Salvaterra aprobou, por unanimidade, unha proposta do goberno que dirixe Marta Valcárcel, pola que se solicitará á Xunta de Galicia que realice os trámites precisos ante o Consello Galego de Universidades e o Ministerio de Educación e Formación Profesional, para a implantación do grado en Enoloxía na Universidade de Vigo, unha iniciativa que está avaliada polo gran peso que ten a DO Rías Baixas e a subzona do Condado do Tea.

A iniciativa permitiría dotar dos mellores medios aos profesionais para que "poidan seguir crecendo e innovando nun sector tan crucial como é a viticultura para a nosa comunidade", sinala o Conocello de Salvaterra. Amais, o Concello pedirá o apoio a todos os concellos que forman parte da DO Rías Baixas, do GDR Condado Paradanta e da propia DO Rías Baixas para que apoien esta solicitude.

Na xustificación de motivos, o Concello de Salvaterra subliña o feito de que "a gastronomía e os nosos caldos son parte da identidade da nosa Comunidade, é un punto diferenciador de calidade. Podemos diferenciar o seu territorio polas súas Denominacións de Orixe, que representan o maior estándar de calidade dos viños producinos na nosa terra". Logo de enumerar as diferentes denominacións de orixe, o Concello que preside Marta Valcárcel chama a atención sobre o feito que "na nosa comunidade máis de 453 adegas, temos repartidos máis de 11.156 viticultores e existe unha estimación directa de 7.637 postos de traballo fixos e mais de 5.211 empregos eventuais".

Estes datos, sinala o executivo local, amosa claramente "que é un sectores importante e dinamizador da nosa comunidade, e como tal é necesario avanzar na profesionalización e cualificación dun sector que nos últimos anos sufriu unha gran transformación, e que encontra a súa clave na calidade dos nosos caldos. Nesa calidade está claro que inflúe directamente a calidade do produto, que é inmellorable, pero tamén a man do ser humano; neste ámbito entra dunha maneira moi importante o papel do énologo".

Paradoxalmente, a día de hoxe calquera persoa que se queira formar neste eido na nosa comunidade autónoma solo pode facelo a través dunha FP como técnico en elaboración de bebidas, nunca enoloxía, co que supón que calquera profesional se teña que desprazar a outra comunidade autónoma o a outro país para formarse, "algo que non é entendible co peso tan importante que ten a viticultura na nosa comunidade, tal e como acabamos de redactar".

O enólogo ten a capacidade profesional para realizar o conxunto de actividades relativas aos métodos e técnicas do cultivo de viñedo e a elaboración de viños, mostos e outros derivados da vide, o análise dos produtos elaborados e a súa almacenaxe, xestión e conservación. Así mesmo recoñéceselle ao enólogo a capacidade para realizar aquelas actividades relacionadas coas condicións técnico-sanitarias do proceso enolóxico e coa lexislación propia do sector e aquelas actividades incluídas no ámbito da investigación e innovación dentro do campo da viticultura e da enoloxía.

"O noso país é un dos produtores máis importantes na Industria Vitivinícola e Enolóxica a nivel mundial, de aí que o noso sistema universitario teña presente esta titulación dentro do Catálogo de Títulos Universitarios oficiais, e polo cal cremos que é necesario que as nosas universidades ofrezan tamén esta carreira como se pode facer en Badajoz, Cádiz, La Rioja, Palencia, Tarragona, Córdoba ou Ciudad Real".

"Se queremos apostar e seguir crecendo da man dun sector esencial é necesario facelo da man de profesionais" di o Concello de Salvaterra que remata "tendo en conta que a DO con mais peso no noso mapa xeográfico e a DO Rías Baixas entendemos que este grado deberíase implantar na Universidade de Vigo".