Acordo para licitar a primeira fase da Plisan

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez (no centro) conversa coa delegada especial do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa en presencia do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez (no centro) conversa coa delegada especial do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa en presencia do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves

A Xunta, a Autoridade Portuaria de Vigo e Consorcio da Zona Franca de Vigo selaron onte o texto que permitirá licitar as obras da primeira fase da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (PLISAN). A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, mantivo unha reunión co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, e a delegada especial do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, no marco da comisión de seguimento do acordo para o impulso da PLISAN.

Na xuntanza asinouse o documento que establece as obrigas de cada un dos organismos en relación coa licitación, contratación, execución e supervisión das obras da primeira fase dos sistemas xerais, así como os traballos técnicos necesarios para o seu desenvolvemento.

Cómpre lembrar que o pasado 3 de marzo as administracións anteriormente citadas asinaron o convenio para a reposición do réxime de condominio na Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves.

A primeira fase da PLISAN inclúe tanto as obras do vial principal de acceso como os servizos necesarios asociados a este (alumeado público, subministración eléctrica, telecomunicacións, drenaxe de augas pluviais, saneamento e rede de abastecemento...), para o desenvolvemento urbanístico da primeira fase de solo empresarial.

Tamén se está a desenvolver de xeito coordinado cos sistemas xerais a estación de tratamento de auga potable (ETAP), coa súa correspondente captación, e a fase inicial da estación depuradora de augas residuais (EDAR), para dar servizo ás primeiras empresas que decidan implantarse neste solo empresarial.

Más en esta categoría: Cea-concerto con Pédêpötè »