Logo
Imprimir esta página

O Concello de Salvaterra de Miño reparte unha nova remesa de composteiros

O Concello de Salvaterra de Miño vén de facer unha nova entrega de composteiros individuais dentro da liña que segue o departamento de Medio Ambiente de cara á concienciación veciñal sobre a reciclaxe e o sistema de recollida selectiva. O Goberno local de Salvaterra estuda, nestes momentos, a posibilidade de establecer un sistema de recollida de compost no casco urbano.

A modalidade do compostaxe, tal e como se lle explicou aos veciños que recibiron os seus composteiros individuais, supón a redución paulatina da cantidade de lixo que se envía ao colector verde. Dese xeito, por unha banda contribúese á mellora do noso medioambiente ─a herdanza que lles imos deixar ás nosas fillas e fillos─, e por outra banda, obtense compost, un abono de primeira calidade.

Nas últimas datas inicouse, en colaboración con Sogama, un proxecto de compostaxe caseira, polo que segue apostando o Concello e que anima a todos os veciños e veciñas a participar nel. Na primeira fase, foron un total de 25 familias as que se adheriron a esta idea e os resultados, segundo o Concello de Salvaterra de Miño, "están a ser moi satisfactorios". Agora traballase na liña de incrementar o número de participantes de cara a que todos os veciños e veciñas que teñan unha casa, poidan contar cun compostador e obter compost de primeira calidade para utilizalo na súa finca ou xardín.

É, segundo o departamento de Medioambiente, "un xeito ecolóxico e natural de traballar, pero, sobre todo, unha maneira de coidar o noso medioambiente, algo do que, afortunadamente, cada día a xente é máis consciente".

O Concello, estuda nestes momentos, a posibilidade de facer un sistema de recollida de compost no casco urbano, a semellanza dos composteiros comunitarios que existen en en máis dun municipio da zona e con moi bos resultados. Salvaterra de Miño é un Concello que se distingue pola loita na conservación do seu medioambiente e, de feito, é un dos Concellos con máis metros cadrados de zonas verdes por habitante.

© 2015 Comarcasnarede.es Todos los derechos reservados