Despois da tempestade non sempre chega a calma

Onte escoitaba a análise dos resultados tralos escrutinio electorais do Presidente da Xunta e quedeime con dúas frases: 1.- Os malos resultados do PP son responsabilidade de todo o PP. 2.- Que o PP en Galicia non fose a forza máis votada é por culpa de VOX.

Por separado poden maquillarse pero xuntas é máis que evidente que son incongruentes.

Dende a miña humilde opinión (e penso que non son os menos os que chegan a esta conclusión) os resultados son froito do constante alonxamento da realidade cotiá e de que este goberno (e falo da Xunta) vive afastado das necesidades e das problemáticas globais e se aferran a políticas para as elites e para acadar números económicos para presumir dunha aseada xestión económica e de cumprimento de déficit fronte a outras autonomías. A costa de que? ou grazas a que?

Terán algo que ver as partidas presupostarias non licitadas?, con botarlle a culpa a que non se lles permite usar o superávit pensan que xa se excusan?

Teñen xente tomando decisións moi contrarias ao que a realidade dicta e a poboación demanda e quizais antes de mirar cara outro lado, deberan analizar como chegaron ata aquí en base aos seus actos antes que aos alleos.

Son moitos os exemplos e moitas as incongruenzas de todas as esferas do goberno autonómico e dos seus representantes locais e non o digo eu, o din os votos.

O trato ao rural é un deles, nun país onde o rural ten unha extensión proporcional enorme e se gastan unha morea de cartos en campañas publicitarias grandilocuentes para logo recortar os poucos servizos dos que dispomos no rural e todo baixo excusas que non queren contrastar cara a cara.

Achéguense á xente e esixan aos seus que o fagan de xeito que defendan a todos.

Se creen que pensar que isto foi froito dunha batalla allea á realidade particular do noso país, alá vostedes. Logo non pretendan alegar que os colectivos sociais están politizados nas súas reclamacións. Os colectivos claman por solucións ante situacións inxustas que vostedes teñen que estudar e darlle arranxo.

Está claro que isto non se arranxa nun mes pero algún que outro cambio de rumbo nalgunha cuestión infravalorada podería mudar o malestar da veciñanza e dos seus propios votantes, que é máis que palpable.

Nós, dende a unitaria de San Mateo de Oliveira convidámolos a sentarse connosco, escoitarnos e dar un xiro ás decisións tomadas ata o de agora. E se seguen pensando igual tras falar con nós e son quen de argumentar axeitadamente unha decisión a todas luces inxusta, infundada e dirixida, se realmente son quen de facer iso, terán unha posibilidade de restar parte do malestar que levan sememtando.

Eu estou convencido de que de escoitarnos cara a cara terán outra visión do asunto e entenderán que isto puido ser un “malentendido” pero non pola nosa parte coma se pretendeu argumentar para mudar de opinión e deixarnos no limbo.

Coma o noso caso haberá moitos pero a min me compete falar do noso e do sinxelo que resultaría facer un lavado de cara no noso Concello.

Se non lles interesa, as municipais dirán quen está errado.

Do que lles ocorra nas mesmas, algo de culpa terán vostedes.

Un cordial saúdo e agardamos a súa predisposición para reunirmonos á maior brevedade posible.

* Alberto Vázquez é portavoz dos pais e nais da Unitaria de San Mateo de Oliveira en Ponteareas