PP e ACIP ou como vivir da política en Ponteareas

Abraiado. Isto é o que me pasou recentemente cando lle comentaba a un amigo que acababa de coñecer que eu era de Ponteareas. Podíanlle vir a cabeza múltiples e diversas combinacións para identificar a miña vila; desde o Corpus, pasando pola súa música e músicos ata o Castelo do Sobroso –que, por certo, bastante nos costou como para que hoxe sexa un símbolo da vila–. Pero non, a imaxe que primeiro lle chegou, foi a dun alcalde saíndo pola fiestra da Casa Consistorial e a imaxe dunha policía xudicial asaltando o Concello polas diversas implicacións en casos de corrupción do anterior goberno do Partido Popular. Se hoxe Ponteareas ten unha imaxe afectada é grazas as décadas de goberno clientelar da dereita.

Seguramente nunhas cantas liñas se puidera reflectir as carencias dun goberno en termos de dereita e esquerda; de reacción ou progreso, de regresión ou revolución. Mais penso que o mellor xeito para explicar o problema da corrupción, do caciquismo ou do clientelismo en Ponteareas, é empregar nomes e apelidos. Se algo teño claro é que, quenes estiveron no poder no meu pobo durante décadas buscaron o beneficio persoal por riba do interese xeral.

Desafortunadamente, algunhas persoas acabaron asimilando estas prácticas como normais, incluso certas mensaxes como “se lleva haciendo toda la vida” chegaron a facerse un oco na sociedade cando o verdadeiramente anormal é que houbo políticos do PP e ACIP- UCPA que se aproveitaron dos recursos públicos de todos os ponteareáns.

Primeiramente só hai que ver os exercicios de renovación política nos partidos da dereita de Ponteareas e repasar as listas do Partido Popular ou de ACIP nas pasadas eleccións municipais. Juan Carlos González Carrera e Salvador González Solla, son dúas caras que nos pasados anos estiveron e que aínda están relacionadas con diversos escándalos. Aínda así, isto non foi un inconveniente para que nas pasadas eleccións repetiran como candidatos das súas respectivas formacións á alcaldía de Ponteareas. Algo que persoalmente non me estraña, xa que mentres algúns fomos nunha lista electoral por primeira vez, eles xa estaban participando no desgoberno de Ponteareas cando eu aínda non tiña a idade suficiente para ir a escola. Esta é a realidade de Ponteareas e hai que dicilo ben claro; temos políticos que gobernaron para vivir da política e que hoxe están na oposición vivindo da política.

Hai cousas que non se deberían permitir e das que todos e todas debemos ser conscientes. Solla e Carrera non son máis que os representantes políticos dunha única forma de entender a política en Ponteareas. Fixádevos se é así que, cando a finais do 2012 a oposición – PSOE, BNG e incluso parte de ACIP – comezou a fraguar unha moción de censura contra o goberno do Partido Popular encabezado por González Solla sempre e cando o líder de ACIP González Carrera se apartase. O problema para acadar o cambio presentouse cando maquinaria máis propia da mafia comezou a funcionar.
Estábamos en xaneiro de 2013 e o alcalde de Ponteareas por entón, Salvador González Solla (PP), presentaba contra o seu ex-socio de goberno e ex-tenente de alcalde e voceiro municipal de ACIP, Juan Carlos González Carrera, unha acusación por enganchar no 2010 cando era edil de Vías e Obras o aire acondicionado das oficinas dunha das súas empresas á rede eléctrica pública de electricidade, aproveitando unhas obras del Plan E.

Todo isto parecía un aviso. O aínda hoxe líder do PP semellaba chamar a atención a quen podía sacalo da alcaldía. Claro que se sabía iso despois de 3 anos cando foron socios de goberno, ¿Canto máis podería saber? O final xa o coñecemos; o líder de ACIP, dous meses despois, pasaba a aliarse co goberno de Solla aprobando mocións como a do Plan de Axuste que fixo que a Ponteareas se lle recortasen 300.000 mil euros de ingresos.

A complicidade era manifesta. Mentres un non dicía o que sabía do outro, e o outro lle prestaba apoio político, ambos sairían beneficiados. Unha vez máis, a dereita confabulábase aproveitando as institucións públicas para sacar beneficio de seu.

Claro que, moitos poderán pensar que hoxe temos outro goberno e todo iso quedou atrás. Lamentablemente non é así. A operación patos sigue supurando a corrupción herdada do Partido Popular de Ponteareas e do antigo goberno de González Solla. Tanto é así que hai uns días publicáronse na prensa escoitas telefónicas donde tamén amosan á número dous de Solla, Belén Villar, pedíndolle a un traballador municipal do Concello de Ponteareas, encargado da área de persoal, que realizase un informe para xustificar unha subvención.

Mentres tanto, o líder popular vén aproveitando a complicidade do goberno da Xunta, aproveitando a oportunidade para telo todo atado e ben atado, saíndo pola porta como cando entrou: facendo dos recursos públicos o seu particular patio de recreo. Deste xeito, Salvador González Solla, sen ningún tipo de oposición ou sistema de méritos acaba de ocupar unha praza como persoal laboral fixo que lle creou a Xunta de Galicia. Non nos esquezamos de quenes son e do que fixeron porque o aproveitarán para volver a levarse o que é de todos.

* Diego Mo é secretario de Comunicación, Dereitos e Liberdades do PSdeG-PSOE de Ponteareas