Eu digo SI peatonalización

Se me preguntaran polos grandes beneficios da peatonalización da Praza Maior eu diría con claridade que son a seguridade e a accesibilidade, dúas características que identifican os referentes de cidades modernas e deseñadas para o benestar dos cidadáns. É segura porque limita de maneira contundente o acceso de vehículos a un espazo frecuentado por cativos e é accesible porque pon a Praza Maior a disposición dos viandantes, que poderán transitar polo maior espazo público identitario da nosa vila.

Se estas razóns non fosen suficientes, e sempre entendendo a posición de escepticismo que poidan mostrar algún dos nosos veciños, simplemente queda unha cousa: Explicar. Unha das posibles preguntas que necesitan unha resposta clara é, A quen vai prexudicar? Os veciños de Ponteareas deben saber que estamos ante unha decisión que beneficiará a maioría dos veciños da nosa vila e aos propios intereses dos comerciantes. Por que?
Porque a peatonalización chama á xente e a xente chama ao negocio. Unha das tendencias naturais da peatonalización de vías urbanas consiste na revalorización dos comercios e locais comerciais que alí se atopan. De facto, o mero feito de peatonalizar a Praza Maior suporá unha revalorización do inmobles, xa sexan baixos comerciais ou vivendas.

Atraer ao consumidor das vilas limítrofes cun concepto de vila segura, accesible e plenamente humanizada. Apostemos en construír Ponteareas para o futuro

Se dicimos SI á peatonalización da Praza Maior, esta converterase no maior punto de encontro da Comarca. Isto ten unha razón moi sinxela, a comodidade do peón para pasear evitando a incomodidade dunha beirarrúa, a situación dos coches estacionados en espazos non habilitados ou dos coches circulando a velocidades inadecuadas para a nosa seguridade. Pensemos en que ineludiblemente, máis xente na Praza Maior supón máis consumo para os comercios que alí se atopen.

Podemos pensar tamén nos beneficios na saúde. Pensemos nas grandes cidades como Madrid que levan limitado o tránsito de coches por certas rúas céntricas co fin de limitar as emisións de CO2 ou mesmo dos niveis de ruído. Pero veñamos a Galicia e pensemos, por suposto, no modelo de cidade que representa Pontevedra co seu casco vello e centro totalmente peatonalizado, converténdose na mellor cidade para vivir segundo a ONU.

Mais se queremos ver un modelo de cidade similar a Ponteareas contemplemos como o fixo Vilagarcía de Arousa. En 2009, a alcaldesa socialista vilagarciá apostou por peatonalizar todo o centro da cidade, unha decisión que sete anos despois supuxo un auténtico “boom” económico para os locais que alí se atopaban e un obxecto de atracción para a apertura doutros novos.

Isto é o que eu quero para Ponteareas. Debemos pensar que modelo de cidade queremos ser e apostar pola revolución económica na nosa vila. Atraer ao consumidor das vilas limítrofes cun concepto de vila segura, accesible e plenamente humanizada. Apostemos en construír Ponteareas para o futuro.