Policía local e... un respetiño

A situación que está a vivir a Policía Local de Ponteareas, con 12 baixas por enfermidade -máis ou menos repentinas- dun cadro total de 18 axentes, non fai máis que poñer sobre o tapete a problemática que, dende hai anos, afecta aos homes e mulleres que teñen a complexa tarefa de garantir a nosa seguridade e a dos nosos bens.

Non deixa de ser curioso que a ‘baixa colectiva’, cualificada onte por máis de un veciño como de “auténtica folga encuberta”, moleste á veciñanza na mesma medida que molesta cando os e as policías locais desenvolven o seu traballo con rigor e profesionalidade. Iso lévanos a pensar que gústanos que a Policía Local desenvolva o seu traballo como o ten que facelo, pero preferiblemente a costa do veciño.

Encántanos que regulen o tráfico con rigor e impidan os estacionamentos en dobre fila que son molestos... os dos demáis, evidentemente, non os nosos; que fagan cumprir os horarios de peche dos locais de copas... dos outros e que desenvolvan controis de alcoholemia para detectar aos condutores que, por inxesta excesiva de alcohol, poñen en risco á poboación... a todos agás nós que “só tomamos dous viños e controlamos”.

Certo é que ir de uniforme, fai que estes homes e mulleres sexan visibles en calquera momento e circunstancia. Apresurámonos a criticar o feito que dous ou tres deles estean tomando café sen coñecer de antemán, cantas horas levan de garda ou se están no tempo que por lei lles corresponde de descanso. É o que che ten ir uniformado.

Esquecemos, con esa rapidez que temos os humanos para esquecer aquelo que no nos convén, o traballo que realizan. Por mor de facer unha reportaxe, pasei hai tempo toda unha noite de fin de semana coa policía local dun dos nosos pobos, seguindo de preto o seu traballo, ese que ninguén ve ou que ninguén quere ver. É aí cando caes na conta co que teñen que lidiar, o que teñen que aguantar e o risco que, con frecuencia, supón o seu traballo para a súa seguridade persoal.

E logo está o caso concreto de Ponteareas. Ponteareas... Ay Ponteareas!

Ponteareas, para o que non o saiba, ten a policía local peor pagada non só dos concellos do seu tamaño, senón dalgúns de menor categoría. Detrás desta situación de baixa colectiva, epidemia, pandemia, folga encuberta ou como cada un teña a ben chamarlle, agóchanse unha serie de incumprimentos reiterados de compromisos adquiridos cos homes e mulleres de uniforme, polos sucesivos gobernos locais -sexa cal sexa o color-, dende hai anos.

O máis fácil é botarlle enriba do Corpo á opinión pública que ve, na falta de seguridade, unha ameaza. O máis sensato sería coñecer o porque desta situación e poñerlle freo. O máis sinxelo sería cumprir as promesas feitas algo que, polo visto e no mundo da política, comeza a estar pasado de moda.

Onte aplaudíamos -e merecidamente, por certo- o magnífico traballo realizado pola policía local de Salceda de Caselas, na detención dunha presunta integrante dunha banda de carteiristas sen pararnos a pensar nin tan sequera, como debe ser unha situación deste tipo. Sen deternos a valorar que unha actuación rutinaria pode converterse, en cuestión de segundos, nunha situación de alto risco. Sen ter en conta que os homes e mulleres que visten o uniforme da Policía Local poñen en perigo a súa integridade física cada vez que na casa din “vou traballar”.

Parémonos a pensar algunha vez en todas esas cousas e, mentres... un respetiño.