Outro ano perdido na conservación dos nosos montes

Cando case parecía que o verán pasaría sen ser verán, outra vez, outro ano máis, case converténdose nalgo crónico, como quen ve chover, vemos que os nosos montes arden. Si, quéimannos, pero arden. Arde o noso futuro e vemos, tamén, que quen pode facer algo, algo xa, que a sociedade pode esixir, protestar ou mirar para outro lado, pero é administración autonómica, a Xunta de Feijoo e compañía, a que pode facer ou desfacer. Ou non facer, como o amigo Rajoy.

O monte arde e a Xunta ocúltao
A situación do monte galego volve ser preocupante e corre o serio risco de cronificarse. A pesar do fracaso da política forestal dos últimos anos e, en especial, da loita contra os lumes, a administración segue a repetir a mesma estratexia e, evidentemente, volve equivocarse. Seguimos vivindo lumes forestais no inverno, con queimas autorizadas que se descontrolan e provocan graves perdas e lumes de grandes dimensións no verán, de longa duración, onde a Xunta oculta información e non facilita o coñecemento das súas afeccións.

O que vimos nestes días non é algo novo. O movemento ecoloxista galego leva anos denunciando que as políticas vellas non resultan. Que se ano tras ano, exceptuando os veráns anómalos nos que chove un día si e outro tamén, o noso monte arde sistematicamente.

Antecedentes
Despois do horrible verán do 2006, creouse unha Comisión de Estudo no Parlamento Galego para analizar o que aconteceu. A Federación Ecoloxista Galega foi convidada a participar para expór o punto de vista que tíñamos no movemento ambiental. Revisando este relatorio, a conclusión é que, tristemente, TODO SEGUE IGUAL.

Seguen a sorprendernos declaracións á prensa nas que parece que este ano é un ano excepcional e que están a acontecer condicións únicas que marcan o acontecer diario, léase alto número de sinistros cada día, alto grao de delincuencia, climatoloxía excepcional, pouca “limpeza” dos montes, etc. Moitas destas expresións son certas, PERO NON É ALGO EXCEPCIONAL: É O HABITUAL.

E como sempre, fálase dun troco do modelo e da política forestal que, se ben é certo que afecta á intensidade e virulencia dos incendios, non vén a ser máis que algo secundario. Nos momentos máis quentes fálase de traballar en reducir o número de incendios, en frío esquécese todo iso.

Por que arde o monte?
Desde o 2006 estase falando acotío dunha falta de interese polo monte, falta de “limpeza”, un sector produtivo desordenado, pero seguen a ser factores secundarios deste problema.

O monte arde porque se prende lume, algo do que se fala no medio do problema, pero logo vólvese desviar a atención, e vólvese redundar nos motivos anteriores. O MONTE QUÉIMASE PORQUE O QUEIMAMOS

Por que queimamos o monte?
Perdemos o tempo se tratamos de dar unha única explicación para toda Galiza porque non a hai, pois os motivos son múltiples. Cada provincia, comarca, concello ou parroquia pode ter o seu motivo particular.

Na comisión á que aludía antes, de hai uns cantos anos pero que seguramente non cambiase moito, presentouse un informe feito pola Garda Civil, a petición do Fiscal do TSXG e presentaba os seguintes datos sobre as motivacións. A maior porcentaxe respostaba ás queimas agrícolas, seguidas das destinadas a uso gandeiro. Moi lonxe, con porcentaxes moi pequenas estaban os pirómanos (recordemos que son xentes enfermas, como alcohólicos ou drogadictos), as queimas por vinganza, vandalismo, os lumes que teñen fins urbanísticos, caza, madeireiros, ...

Queda claro, tamén, que poucos son os motivos accidentais, e case todos son motivacións para que o home prenda o lume ao monte, porque o lume está na nosa cultura.
Hai moitas tradicións, traballos, actitudes, que se foron mudando ao longo do tempo. Un exemplo é o manexo do monte que sempre servía para o seu uso na gandeiría e na agricultura, incluso nalgunha industria. Mudouse por técnicas ou usos máis CÓMODOS, BARATOS, e que supón menos esforzo e todo isto propiciou a desaparición destes manexos.

Por que non pasou o mesmo co uso do lume? Moi sinxelo: segue sendo BARATO, CÓMODO e dá pouco TRABALLO. Sendo así, por que o imos trocar?.

Unha ferramenta fomentada polas Administracións
En Galiza autorízanse, é dicir, danse permisos de queimas, por miles, cada ano. Pero non temos datos, como comentamos. A administración oculta a información sistematicamente e só podemos imaxinarnos a cantidade de terra queimada cada ano nestas queimas en base ás preguntas de compañeiros do movemento ecoloxista nalgúns Consellos Forestais. Así,

Finais do Goberno Fraga, ata 2006 400.000 autorizacións/ano
Goberno Touriño 2006 300.000 autorizacións/ano
Goberno Feijoo 800.000 autorizacións/ano

É dicir, xa fago eu os cálculos. Son 2.200 queimas ao día. É posible controlar este número de incendios? E é necesaria tanta queima? Non hai outros métodos para conseguir o mesmo fin?
Na época do goberno de Fraga, chegouse a manifestar que aproximadamente o 4% provocaban incendios (1.600)

Ben é certo que moitas destas queimas son fogueiras/cacharelas no medio dunha finca onde se xuntan os restos a queimar, pero moitos permisos son queimas que se fan no terreo de forma directa. Non existe ningunha normativa que regule estas autorizacións. Estamos diante dun mundo sen Lei, só precisas sacar o permiso. Incluso estas actividades foron e son apoiadas pola Administración autonómica con cuadrillas que se ofrecían para facer estas queimas pola xeografía galega. Non se fomentan, polo tanto, alternativas a estes tipos de manexos. Se a administración é permisiva e non se dan alternativas, seguiremos facendo lume.

Estamos case ante un problema crónico
Nos mesmos informes da Garda Civil, recoñécese o difícil da investigación dos lumes. Ninguén sabe nada, ninguén viu nada, ninguén escoitou nada. Temos o problema amarrado fortemente na nosa sociedade, como un carrancho enorme que medra sen freo.

Anos excepcionalmente malos? Con moitos lumes?
Está claro que non todos os veráns son iguais. E este non estaba sendo especialmente malo, en canto aos lumes, pero sempre é bo ter datos sobre a mesa á hora de tirar análises e conclusións. Galicia vén soportando desde hai anos un tercio, UN TERCIO!!, dos incendios de toda España (varía un pouco segundo o ano), polo que o número elevado de incendios é de sempre. Desde 1989 a efectividade da extinción e sobresaínte, pero aumentaron os sinistros. Isto supón que un ano un pouco adverso se nos escape das mans. E así nos vai.

A meteoroloxía adversa non é algo, nen moito menos, raro. É algo que temos que ter en conta pois son condicións típicas do noso verán, varía a duración temporal. Sabemos que despois de días con vento sur que vira ao nordeste vén un vento forte que dura varios días e acostuma ser seco (e ao parecer cada vez estas condicións irán a máis). As temperaturas puideron ser anormalmente altas pero tamén pasa ciclicamente. E cando os veráns son moi chuviosos non hai lumes falamos de que o operativo funcionou. Cando é ao contrario, o verán sempre ten a culpa.

Porque, aínda con estas condicións meteorolóxicas, tivemos poucos lumes. E isto ten unha explicación, pero por unha razón lóxica. Estamos sempre a falar aludindo “ao que vai de ano”. En Galiza un dos grandes picos de incendios é na primavera, primavera que este ano foi moi chuviosa e non houbo nin incendios nin queimas autorizadas. Nunha primavera jhabitual hai tantos sinistros en marzo como en agosto (lembremos que foi nunha primavera cando se queimou o Parque Natural das Fragas do Eume). Polo que este ano falta un importante número de sinistros grazas á climatoloxía.

Perdemos espazos naturais, perdemos biodiversidade e queimamos o noso futuro.
Resulta triste, por non empregar outros calificativos, escoitar ao Sr. Rueda ante o acontecido co monte Pindo, espazo integrado na Rede Natura 2000, espazo que o movemento ecoloxista reclama como parque natural. “Que fose Parque Natural non lle serviría de nada para protexelo”. Estas declaracións manifestan o desinterese que ten esta administración na conservación da natureza, tanto nos seus espazos protexidos, como as súas especies máis simbólicas ou ameazadas.

Porque, para ter unha visión global, démoslle unha visual aos incendios dos últimos anos. Vemos que hai un Parque Natural que leva sufrido lumes ano tras ano: é o Parque Natural do Xurés e Baixa Limia, onde as lapas campan ano tras ano sen existir unha intención clara de resolvelo. Se nun territorio, relativamente reducido coma este Parque, non somos quen de arranxalo, non é moi esperanzador pensar que se conseguirá en todo o País. O Parque da Enciña da Lastra non se queda moi atrás (excluídos os aproveitamentos hidroeléctricos, a vía do tren, a estrada e a canteira, que xa non arden).

A Rede Natura, como é o caso de monte Pindo, está totalmente abandonada a súa sorte. Nos espazos de interior son poucos os que se libran dos lumes. O problema é que en boa parte destes espazos soen ser lumes reincidentes polo que os danos son máis constantes, case que irreversibles.

De forma inmediata, os lumes afectan a hábitats terrestres (pola súa queima directa), e concretamente aos forestais, pero por desgraza son todos os hábitats limítrofes e incluso afastados aos afectados. As cinzas van provocando a asfixia en medios acuáticos coma ríos, charcas ou humidais, que coas primeiras choivas tínguense de negro. Cinza que é un abono de efecto rápido, pois favorece as especies invasoras en medios terrestres ou a proliferación de algas en augas estancas que provocan o empeoramento destes medios.

A erosión fai máis precarios os solos, menos profundos, empeora ou dificulta a capacidade de acumulacións de nutrintes e auga. Terra que vai para os ríos destruíndo frezadoiros, colmatando leitos e empeorando os medio fluvial e, ao final, os medios litorais.

Especies ameazadas
Ao igual que nos espazos naturais, as especies non teñen ningún futuro seguro. O exemplo do carballo anano do monte Pindo é a mostra do débil fío no que se conservan as nosas especies ameazadas. A aguia real, ou Rhamnus pumila subsp legionensis, ou moitas das case duascentas especies ameazadas do catálogo oficial, son poucas as esperanzas e en moitos casos son os lumes o gran problema. Pódese alegar que algunha destas especies é favorecida por un lume, pero, as posteriores transformacións non melloran a súa situación.

Pero as especies acuáticas non se libran deste problema. Unha vez finalizado o lume, zonas húmidas como son as turbeiras seguen ardendo ata a súa desecación (as turbeiras do monte Pindo, seguían ardendo días despois de declararse extinguido) pero as cinzas afectan a quilómetros pois estas serán arrastradas polas primeiras chuvias. Todo o mundo fala dos bancos de marisco, pero ninguén mira para o que pasa nos ríos.

En resumidas contas, agás algunhas especies mariñas (non costeiras), poucas están libres dos lumes, e poucas son as que se ven afectadas en maior ou menor medida.

Cambio climático
Por último sempre se fala do monte como sumidoiro de CO2, ardendo como arde o monte galego, e coa finalidade dos seus recursos leñosos, biomasa, pasta de papel, ..., podemos dicir que o monte galego é unha fonte de CO2. Temos un monte que non contribúe en nada a mitigar os efectos do cambio climático, ao contrario do que puidésemos pensar.

Este problema ten solución?
Si, claro que a ten. Pero hai moi pouca vontade política, pois o que se atreva realmente a facerlle fronte correrá a risco de perder moitos votos nas seleccións. Pola contra, séguese a facer moita demagoxia para evitar o malestar. Convencer a boa parte da poboación que ten que trocar usos e costumes, porque somos nós mesmos os culpables dos incendios forestais.

Políticas de concienciación, de educación e fomentar novos modelos agrícolas, gandeiros, cinexéticos, etc. que erradiquen o uso do lume na nosa sociedade. Eliminaríamos así entre o 40% e o 70% do lumes acontecidos no País. E é posible. Pero temos que intentalo! E ten que comezar!

Porque, rematamos, preguntándonos o que todo o mundo se pregunta: Quen queima os montes? Somos nós!!
Outras políticas forestais que reestruturen o monte, que diversifiquen a produción, que revaloricen o monte, que se manexe correctamente, beneficiarán, claro, pero tamén temos que traballar na prevención, porque estamos pensando sempre en atacar a consecuencia e nunca se pensa na causa. Non facemos prevención e pensamos só na extinción.

Unha vez pasado o mal trago dun episodio de lumes, volveremos aos discursos de que hai que ordenar o monte (as árbores ben aliñadas non arden), hai que instalar centrais de biomasa para eliminala do monte (na práctica, as empresas pretenden cultivar no monte plantas moi enerxéticas e doadas de manexar, é dicir, máis combustible no monte, máis lume), seguir fomentando a plantación de especies de crecemento rápido, pero de pouco valor engadido que non anima á invertir no seu mantemento (árbores pirófitas e que non compensa facer mantemento) ou endurecer as penas, penas que despois non aplicamos. Moitas teorías para volver a esquecer a pregunta fundamental. ¿QUEN QUEIMA O MONTE? Seguiremos sendo nós.

Non é preciso, tampouco, crear conflitos, en moitos casos, promovidos polas administracións e polos políticos con aspiración a gobernar. Os comuneiros e os donos de gando mostrenco, os donos de montes e cazadores, cazadores e o medio rural co medio urbano.

E fáltanos FORMACIÓN e EDUCACIÓN para mudar hábitos e vicios ou costumes
O coidado do monte, o seu bo manexo son accións necesarias pois disto dependerá que os lumes, que por desgracia non se poderán eliminar totalmente, sexa menos virulentos, menos perigosos e máis controlables. Da “limpeza” do monte falaríamos outro día, porque o monte non ten maleza, non ten malas plantas, no monte non sobra nada! No monte, non nun almacén de madeira ao aire libre, como algúns entenden o monte.

Políticas forestais, fomentando plantacións diversificadas e de maior valor engadido, favorecerán maior interese sobre este sector. Os monocultivos favorecen os baixos prezos e a perda de interese na actividade. Por desgracia, estas políticas cada vez son máis difíciles de fomentar; un sector madeireiro moi focalizado e moi influínte, políticas agrícolas e forestais que dificultan plantacións de especies distintas ás de crecemento rápido.

Todas estas medidas teñen que facerse durante todo o ano e non cando vén a calor. Son políticas que hai que instaurar a medio e longo prazo, e non se pode esperar logros inmediatos. Pero xa o sabemos. O primeiro paso non nos leva a onde queremos, pero quítanos de onde estamos!

Anxo Fernández Saborido é presidente do Grupo Ecoloxista ADENCO