Sobre a polémica da «produtividade»

Estes días está a xerar polémica na opinión pública o feito de que o Pleno de Ponteareas aprobara un regulamento para o pago da produtividade entre o persoal municipal. A cuestión foi presentada en diversos medios de comunicación, incluíndo cadeas de televisión de ámbito estatal, coma un «premio» por ir ao traballo.

O primeiro en facer esta valoración ruín do mencionado regulamento, foi precisamente o PP de Ponteareas, partido que estando no goberno non tivo ningún problema en manter no cadro de persoal a figura do pago de «produtividade» para certos funcionarios como retribución mensual, feito que incumpre a normativa, pois as únicas retribucións fixas que poden constar son as de salario base, complemento de destino e complemento específico, este último non obrigatorio. No Concello de Ponteareas, ao contrario da maior parte dos demais concellos, é moi pouco o persoal funcionario que percibe retribucións en concepto de complemento específico, de xeito que as retribucións do funcionariado deste concello están bastante por debaixo dos demais concellos do estado de similar tamaño. Outro tanto sucede co persoal laboral. Sirva como exemplo o feito de que houbo que modificar as retribucións dalgúns postos para que estes salarios chegaran ao Salario Mínimo Interprofesional, que para o ano 2017 quedou establecido en 701,70 € mensuais.

Vaia por diante que eu, coma representante de EU-son no pleno, abstívenme no mesmo sobre esta cuestión non por considerala inadecuada, senón porque a forma de facelo foi bastante chapuceira, tema que abordarei despois.

En primeiro lugar hai que facer constar que este plus de produtividade aínda non ten partida orzamentaria, cuestión que haberá que aprobar con posterioridade pero que en todo caso non poderá ser moi alto dadas as limitacións que en canto a incremento da masa salarial establece o estado nas diferentes leis orzamentarias anuais, que para o ano 2017 está no 1%.

Certamente o establecido neste regulamento, sobre que terá dereito ao cobro do 70% deste plus quen realice coma mínimo o 90% da súa xornada, pode dar lugar a pensar que se «premia» polo simple feito de ir ao traballo e incluso podería dicirse que esta proposta da xunta de goberno de Ponteareas fai un fraco favor ao persoal municipal afondando na lenda negra de que os traballadores e traballadoras municipais nin sequera asisten ao traballo. O regulamento está exposto precisamente coma unha forma de reducir o absentismo laboral. Pero tamén é un feito que o que se establece neste regulamento é un dobre castigo por non cumprir coa xornada laboral xa que quen incorre neste feito non soamente perderá as retribucións que lles corresponda pola inasistencia, senón que perderá tamén o que lle puidera corresponder en concepto de produtividade. A isto habería que engadirlle, por suposto, as posibles sancións disciplinarias dependendo da gravidade do caso. Estamos falando entón dunha medida máis para combater o absentismo laboral. Chegados a este punto, tamén é obrigatorio indicar que, se ben pode darse o caso dalgúns traballadores ou traballadoras municipais que non sexan precisamente dilixentes na realización das súas tarefas, é certo que non é unha situación xeneralizada. O que é máis, eu persoalmente son testemuña de que algúns traballadores municipais prolongan a súa xornada máis alá do obrigatorio por pura responsabilidade co seu traballo e para que saian adiante as cousas nun concello coma este, que adoece dunha gran falta de organización. Cuestión esta última cuxa responsabilidade non pode atribuírse ao persoal municipal, senón aos responsables políticos.

Pero se hai unha cuestión que mostra á perfección o absurdo da polémica xerada arredor do plus de produtividade é o seguinte: se o que se aprobara no pleno fora unha suba salarial en xeral para todos os traballadores e traballadoras municipais e sen ningún tipo de condicionamento, poñamos do 1%, suba que repercutiría tanto nos que cumpren puntualmente coa súa xornada coma nos que non, esta polémica non existiría. Calquera entendería que é unha suba salarial lóxica, sobre todo tendo en conta os moi baixos salarios do persoal municipal do concello de Ponteareas.

En realidade, a causa desta polémica é ideolóxica. É ben sabido que hai unha campaña orquestrada dende os poderes económicos e obedientemente seguida polos medios de comunicación (por moito que algúns deles se mostren como «de esquerda») e por partidos coma o PP ou coma o PSOE, claramente neoliberais, para atacar ao sector público no seu conxunto. E esta campaña ten por obxectivo, por suposto, meter as mans no que queda do sector público para sacar beneficio del.

Pero o máis triste deste tema non é o feito de que os poderes fácticos aproveiten calquera oportunidade para atacar ás traballadoras e traballadores públicos, despois de todo deles non se espera outra cousa. O triste é que atope tantos oídos atentos entre a clase traballadora. Que boa parte da clase traballadora estea disposta a prestar atención a estas manobras e indignarse polo que consideran privilexios de outros traballadores. Traballadores contra traballadores. E o capital rindo.

O que motivou a miña abstención na aprobación do regulamento de produtividade foron, coma dicía, a forma chapuceira de facelo. A intención manifesta do mesmo é a de normalizar unha situación irregular coma é a de contemplar no cadro de persoal o complemento de produtividade coma unha cantidade fixa e mensual. Así se entende cando na proposta levada ao pleno se di que: “... dende o ano 2010, no Concello de Ponteareas dáselle a este complemento, de natureza variable, un tratamento que en modo algún observa a normativa aplicable, de tal xeito que estase a asignar a cada posto de traballo, dentro da categoría de funcionarios, unha cantidade fixa en concepto de produtividade que se abona de forma fixa nas 12 mensualidades. Este criterio non respecta de ningún xeito o ordenamento xurídico vixente, polo que temos a necesidade de axustalo á normativa que o regula.”

Como non pode ser menos, eu estou de acordo co aquí exposto. O que si lles expuxen no seu momento, tendo en conta o reducido dos salarios do concello e que na súa proposta contémplase retribuír esta produtividade semestralmente, que era o que ía a suceder a partires de agora coa cantidade que están actualmente percibindo algúns funcionarios en concepto mensual de «produtividade». Ademais, por outra parte, que de afectar este regulamento ao actual «complemento de produtividade», isto podería dar lugar a reclamacións xudiciais por parte dos traballadores e traballadoras que moi posiblemente gañarían.

Ante esta cuestión, e despois de darlle varias voltas, tentaron solucionar iso co punto terceiro da proposta que di textualmente: “Este regulamento non afectará a retribución que en concepto de «produtividade» ven percibindo o persoal do Concello ata a data de aprobación do presente regulamento, manténdose a percepción da mesma nas mesmas condicións, tal e como se recolle no orzamento do ano 2016, prorrogado para o presente ano 2017”.

Ou sexa, que ao final, a Xunta de Goberno trouxo ao pleno unha proposta para regularizar o complemento de produtividade, pero dicindo ao mesmo tempo que ese regulamento non afectará ao complemento de produtividade. Parece ser que este goberno é marxista, pero de Groucho Marx. Por certo, mirando a quen lle deron unha medalla de ouro este ano, tamén é castrista, pero de José Castro.

Realmente a intención desta proposta era outra aínda que non a manifestaban na mesma: a de retribuír cun complemento de produtividade a todo o persoal do concello segundo o regulamento proposto. Sobre esta cuestión podo estar de acordo, pero non sobre a suposta necesidade de facelo neste momento. Actualmente no concello estase ultimando a da Relación de Postos de Traballo. Unha RPT é basicamente un documento técnico onde se establecen as funcións de cada posto, os requisitos para ocupar os mesmos, a sua xerarquía e no que se determinan tamén, no caso do persoal funcionario, os complementos de destino e específico. Esta RPT, que se supón que será presentada en breve, podería utilizarse para que o que agora mesmo se está pagando irregularmente a algúns postos coma «produtividade», fora absorbido polo concepto de «Complemento Específico». Deste xeito non se entraría na contradición exposta anteriormente e a partires de aí xa se podería aplicar o regulamento con total normalidade. O que vai a suceder a partires de agora é que algúns traballadores e traballadoras percibirán por un lado un «complemento de produtividade» mensual que é irregular, por non dicir ilegal, e por outro o complemento de produtividade regulado. As presas e a improvisación é o que teñen.

Lino Costas é concelleiro de EU-son no concello de Ponteareas