Logo
Imprimir esta página

Anna R. Figueiredo gaña o «I Premio Viadutos de Novela» do Concello de Redondela

O xurado do Premio Viadutos de Novela, que celebrou a súa primeira edición, reunido no edificio do Multiusos da Xunqueira de Redondela, decidiu por unanimidade declarar gañadora do premio a obra Os bicos feridos de Anna R. Figueiredo. O Xurado estaba composto polas escritoras Inma López Silva e Tamara Andrés; as libreiras Mercedes Corbillón e Esther Gómez, e a editora Malores Villanueva.

O xurado salientou a orixinalidade dos temas tratados na novela, a depuración do estilo "poderoso" e "por veces lírico", "a utilización da ironía e a personalidade das voces", así como a complexidade da trama. En Os bicos feridos, a través da historia dunha moza emigrante en Londres vanse debullando temas de fondo calado como a importancia das redes sociais nas nosas vidas, a complexidade das relacións familiares, entre as que destaca a maternidade, a soidade nas grandes cidades ou o medo á morte.

O I Premio Viadutos de Novela estaba convocado polo Concello de Redondela, a través da súa Concellería de Xuventude, e conta coa colaboración da Editorial Galaxia. Esta, a súa primeira edición, nace da transformación do «Certame de Relatos Curtos Os Viadutos», que acadaba no 2017 a súa decimosétima, e que estaba considerado un galardón de referencia para os novos narradores en Galicia (podían concorrer obras de creadores entre os 18 e os 35 anos). Con este mesmo espírito anovador, o Concello de Redondela sobe agora súa aposta no apoio á creación en lingua galega e crea un premio de novela.

Anna R. Figueiredo convértese así na primeira gañadora do premio, dotado con 3.000 euros, e a súa novela Os bicos feridos será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.

© 2015 Comarcasnarede.es Todos los derechos reservados