Digna Rivas, anuncia a súa candidatura ás Primarias do PSOE de Redondela

A concelleira e deputada provincial, Digna Rivas, anunciou esta mañá a súa intención de participar no proceso de Primarias da Agrupación Socialista de Redondela, proceso do que sairá a persoa que encabece a lista do PSdeG-PSOE, e polo tanto, candidata á alcaldía na vindeira cita electoral de maio do 2019.

Elixía Rivas a Alameda, nas inmediacións do palco da música, para facer este anuncio por ser esta “un lugar simbólico para os veciños e veciñas de Redondela” e aproveitaba para asegurar que non éra de recibo “que esta Alameda, lugar de unión e reunión da veciñanza de Redondela, estea nesta situación logo de moitos meses de obras”.

Digna Rivas aseguraba que o PSOE de Redondela apostaba polo proceso de Primarias, “porque é unha mostra de convencemento democrático” e amosaba a súa firme crenza de que era o camiño adecuado “para elixir á persoa que, ao fronte da Alcaldía, permita que Redondela poida afrontar os seus retos de futuro” que é, afirmaba, “o que máis nos importa ás e os socialistas redondeláns”.

“Preséntome a estas Primarias plenamente convencida do que estou a facer”, aseverou a concelleira e deputada provincial, “por convicción e por responsabilidade para cos veciños e veciñas de Redondela e porque creo na potencialidade deste municipio e no seu futuro”.

Explicaba Digna Rivas que considerou “necesario” dar ese paso “porque creo nesa responsabilidade e porque quero achegar doses de serenidade, fortaleza e valentía” valores que, segundo apuntou “son os que nestes momentos precisa o concello de Redondela de cara aos retos de futuro”.

A concelleira socialista consideraba “imprescindible” rematar coa situación de confrontación “que, nestes momentos, ten o alcalde de Redondela, Javier Bas, con todas as administracións que non son da súa cor política, confrontación que logo traslada á cidadanía”.

“Os e ás socialistas de Redondela queremos darlle un cambio a Redondela, e sabemos que podemos facelo, para rematar coa postura de obediencia política e electoralistas de Javier Bas”, argumentaba Digna Rivas que expresaba o seu convencemento de poder facelo “traballando arreo, algo que imos a facer porque ás e os socialistas o traballo duro nunca nos asustou”.

“Queremos unha Redondela de igualdade e de dereitos pero de dereitos para todos e todas, non para algúns como está sucedendo nestes intres”, apuntaba.

Os catro anos de traballo como deputada provincial de Cohesión Social e Xuventude servíronlle a Digna Rivas, segundo explicou “para aprender rodeada dos grandes políticos que teño ao meu arredor, dos alcaldes e alcaldesas, dos deputados e deputadas pero, sobre todo, da xente que é de que máis se aprende”.

“Traballo diariamente con centos de colectivos da provincia aos que hai que escoitar, apoiar e estar ao seu lado pero, sobre todo, resolverlles os seus problemas e as súas necesidades, que é a obriga dunha administración”, dicía Digna Rivas que remataba asegurando que “escoitar ás necesidades da veciñanza e darlle solución aos seus problemas, é o que ten que facer unha administración local e, dende logo, esa é a miña intención”.