«A casa xunto ao volcán» de Ricardo Losada, gañadora do ‘II Premio Viadutos’

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a concelleira María Castro Abad, segunda pola esquerda, co xurado do 'II Premio Viadutos de Novela' A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a concelleira María Castro Abad, segunda pola esquerda, co xurado do 'II Premio Viadutos de Novela'

«A casa xunto ao volcán» de Xosé Ricardo Losada Vicente (Rianxo, 1961) vén de ser proclamada gañadora da segunda edición do ‘Premio Viadutos de Novela’ convocado polo Concello de Redondela coa colaboración de Editorial Galaxia.

O xurado reunido o pasado sábado, 29 de xuño no Multiúsos da Xunqueira e formado por Ana Belén Rodríguez Rodríguez, escritora e gañadora da primeira edición deste certame literario; Dolores Villanueva Gesteira, editora; Iolanda Pérez Zúñiga e Patricia Arias Chachero, ámbalas dúas escritoras en lingua galega e a xornalista María Jesús Argibay Iglesias, salientaba da obra gañadora “a fortaleza dunha voz feminina en construción que evoluciona ao longo do relato na busca da súa identidade”.

«A casa xunto ao volcán» amosa, a través dunha adolescente, o pensamento crítico dunha sociedade “na que a filosofía pode e debe ter un papel relevante e necesario” explica o xurado quen, ao mesmo tempo, subliña o feito de que a obra de Xosé Ricardo Losada pon en valor “a importancia do ensino como axente creador de persoas íntegras e libres”.

“Xosé Ricardo Losada –remata o fallo do xurado– logra ademais unha voz feminina plenamente crible e sorprendente. «2015A casa xunto ao volcán» é unha novela coral e rebelde que invita a cuestionarse a orde social establecida”, conclúe.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientaba a importancia deste certame de novela “que non só contribúe a normalizar o uso da nosa lingua senón que, ademais, ofrece o marco idóneo para fomentar a creación literaria”. Rivas destacaba da obra gañadora "a súa voz feminina que contribúe a ser unha chamada de atención á igualdade e ao papel da muller na sociedade actual".

Máis sobre o autor
Xosé Ricardo Losada Vicente, naceu en Rianxo en 1961. Escritor e profesor, é licenciado en Filosofía Universidade de Santiago de Compostela. Profesor de filosofía e valores éticos no IES Félix Muriel de Rianxo é socio fundador e secretario da Asociación Cultural Barbantia. Colabora en varias revistas culturais como Alameda, Casa da Gramática ou A Trabe de Ouro e é colaborador habitual no suplemento cultural mensual A Voz de Barbantia.

Como novelista conta xa con dúas obras publicadas O xene da chuvia, 2005, Edicións do Castro e Bótame deste mar fóra, 2017, Toxosoutos, ás que se engaden dous ensaios: Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, Xerais e Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego, 2018, Galaxia.