«Treixadura» e as pandereiteiras de Trasmañó ponen música ao Día de Galicia en Redondela

Foto: Facebook Treixadura Foto: Facebook Treixadura

O Concello de Redondela celebrará o Día de Galicia durante dous días nos que a música compartirá protagonismo cos actos institucionais. Por primeira vez, o Concello redondelán amplía a dous días os actos do Día de Galicia de cara a darlles a importancia e o relevo que esta xornada merece.

Así, o xoves 24 de xullo ás 22 horas, o paseo marítimo de Chapela acollerá o concerto de Treixadura, un concerto totalmente de balde que permitirá gozar dos temas dunha das formacións de música tradicional de máis soa no panorama musical galego. Antes do comezo do concerto, haberá un breve acto institucional. O concerto de Treixadura chega a Chapela da man do programa Musigal da Deputación de Pontevedra.

Ademais, o día 25 de xullo haberá outro acto na Alameda de Castelao. Desta volta, ás 20:30 participarán as pandeireteiras de Trasmañó, un conxunto de crianzas que lerán textos de intelectuais galeguistas e unha intervención de representantes do Goberno local, que farán unha ofrenda floral no monumento a Castelao. Posteriormente, arredor das 21:30 haberá un concerto da cantante Xoana Veiga, unhas das voces revelación da música galega, que ofrecerá pezas de jazz, funky e reggae.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, fixeron un convite á participación "da veciñanza na festa do 25 de xullo, unha festa de todos e todas na que debemos poñer en valor a nosa cultura, a nosa lingua e as nosas tradicións como parte inseparable da nosa identidade como pobo"