Digna Rivas rexeita ante a Autoridade Portuaria que Rande convértase nun depósito de contedores

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, expresou o pasado venres na reunión do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo, o seu máis “fondo rexeitamento a que a parcela de Duches, en Rande, sexa destinada ao almacenaxe de contedores. A alcaldesa redondelá defendeu a postura manifestada no seu momento pola veciñanza do municipio totalmente contraria ao uso que se pretende por parte de Autoridade Portuaria viguesa.

“A miña obriga, neste foro, –asegurou Digna Rivas– é defender os intereses dos meus veciños e veciñas por enriba de calquera outra consideración”.

A postura amosada polo Porto de Vigo, deixa ao descuberto “as mentiras ditas polo exalcalde Javier Bas na campaña electoral”, asegurou a rexedora local redondelá quen lembrou que o exalcalde “asegurou á veciñanza que o tema estaba resolto e paralizado, chegando incluso a amosar unha infografía aos votantes cun megaproxecto con piscinas e zonas verdes para uso público algo que, agora, amósase que era totalmente falso”.

Lembroulle Digna Rivas ao Consello de Administración que a anulación polos tribunais da Delimitación de Usos Portuarios (Plan de Costas), deixa sen soporte legal o seu uso para a xestión privada. De feito, sinalou Rivas, polo de agora a parcela “só pode der utilizada como aparcadoiro de camións e remolques de servizo portuario”.

Doutra banda, explicou a alcaldesa de Redondela, a parcela que afecta ao dominio público portuario “atópase na zona do cargadoiro de Warner e como é ben coñecido, na zona atópase o cargadoiro de minerais que, a día de hoxe, está incluído no catálogo patrimonial nunha contorna protexida”.

No PXOM de Redondela, que está en proceso de tramitación, “o que se pretende é ampliar esa contorna incluíndo a parcela de Duches, amais de estudar unha solución urbanística que permita poñer en valor a zona por estar a lámina de auga en Zona de Red Natura”, engadiu Digna Rivas.

A maiores, engadiu a rexedora redondelá, “o Plan de Reordenación Litoral, apoia ás teses dos veciños e veciñas ao defender a zona do cargadoiro e arredores como zona «de mellora ambiental e paisaxística»”.

A alcaldesa Digna Rivas informou aos presentes que, dende o Concello, xa se entregou o informe realizado polo arquitecto Carlos Falagán onde se opón á afección da zona. Por último, Rivas lembrou a todos os presentes que o Plan de Ordenación Litoral, no seu artigo 40 e no que fai referencia á rede de espazos naturais de Galicia, formula como obxectivos:
1. Preservar os seus valores e mellorar a funcionalidade do ecosistema.
2. Manter as súas características naturais evitando a súa alteración
3. Procurar a súa conectividade ecolóxica
4. Manter o fraxil equilibro das condicións que configuran o medio natural evitando a presión e ocupación da súa contorna próxima.