Chapela énchese de boa música este sábado co «Berete Rock»

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, con representantes da Asociación Berete Rock A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, con representantes da Asociación Berete Rock

Comezou sendo a xuntanza dun grupo de amigos para poder gozar, en directo, da música que facía un membro da asociación. Debido ao éxito acadado, pasou a ser un escaparate para a promoción dos grupos locais. Hoxe, tan só oito anos despois, o Berete Rock é todo un referente na música e unha cita obrigada para os amantes do rock. Esa "xuntanza de amigos" converteuse nun Festival –en maiúsculas– polo que pasaron grupos da talla de Stoned at Pompeii, The Killer Barbies ou Aphonic.

Así que, con estes antecedentes, o sábado 3 de agosto, no extraordinario escenario natural que ofrece o Paseo Marítimo de Chapela, o rock será o que mande nun festival que comezará as 21:30 horas e que foi presentado na Casa do Concello de Redondela pola alcaldesa, Digna Rivas; o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, e membros da Asociación Berete Rock.

Este ano, tal e como se sinalou, o festival segue medrando e contará cun cartel que fará vibrar ás e os rockeiros: Vhäldemar, Cherokee, Rúa do Ruído, Collón de Lola e Doctors compartirán escenario, nun festival que, como sinalabamos, xa é un referente da música rock e que ten carácter totalmente gratuíto. Esa gratuidade non fai máis que poñer en valor o traballo que ten que desenvolver a Asociación Berete Rock, –unha asociación sen ánimo de lucro e sen socios– como organizadores do evento, xa que a ninguén se escapa a complexidade que ten a organización dun festival destas características e o custe económico que ten e que é cuberto pola achega do Concello de Redondela, as firmas patrocinadoras e a venda de merchandising.

berete rock 2019 presentacion 02

Pero, todo esforzo ten recompensa e o feito é que ano tras ano, o Berete Rock incrementa, non só súa calidade, senón a cantidade de público que atrae. Ao ser un evento ao aire libre, sinalaban dende os organizadores durante a presentación "fai difícil contabilizar o número de asistentes" pero este sitúase, na última edición, preto dos 1.500 participantes "número que esperamos ir aumentando ano tras ano".

Na presentación do VIII Berete Rock, o concelleiro de Cultura do Concello de Redondela, Daniel Boullosa, facía fincapé na importancia que estes eventos teñen "de cara a contar cunha programación na que teñan cabida todos os estilos musicais, neste caso o rock".  Doutra banda, Boullosa amais de incidir na importancia de que as actividades culturais "chegaran a todas as parroquias", chamaba a atención sobre o aspecto turístico destas actividades porque, asegurou, "os festivais son, nestes momentos, un novo xeito de facer turismo".

Pola súa banda, Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, agradecía e puña en valor "o traballo da asociación que foi quen de converter este festival nun referente para os amantes do rock". A alcaldesa redondelá adiantou a súa intención e do concelleiro de Cultura de manter unha reunión "coa Asociación Berete Rock, ao igual que temos pensado realizar cos demáis colectivos culturais de Redondela, para analizar as vías de colaboración que contribúan a que este festival vaia, cada ano, a máis". 

En resumo, un Festival con maiúsculas o que se vivirá no paseo de Cardona –fermoso onde os haxa– o sábado 3 de agosto a partir das 21:30 horas e totalmente gratuíto. Pódese pedir máis?