Redondela organiza unha charla sobre reciclaxe e compostaxe

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela, que xestiona Miguel Ángel Álvarez Ballesteros, vén de organizar para mañá xoves, 10 de decembro ás 18:00 horas na Casa da Cultura, unha charla sobre o Plan de Reciclaxe e Compostaxe Redondela 2016-2020.

A charla informativa correrá a cargo de Carlos Pérez Losada, enxeñeiro químico cunha dilatada experiencia na xestión de residuos e colaborador no deseño de plantas de compostaxe.

Ao longo da charla coloquio, Carlos Pérez desenvolverá temas como o xeito en que cada persoa pode contribuír a xestión selectiva de residuos orgánicos, como identificar os residuos orgánicos aproveitables, como se realiza unha pila de compost, seguimento e factores que inflúen no proceso de compostaxe e, finalmente, a comopostaxe individual e os centros de compostaxe comunitaria.

Amais, a todos os presentes na charla coloquio se lles fará entrega dun composteiro individual.