AER afirma que o Goberno redondelán "ten enterrada" a comisión da piscina de Chapela

A Agrupación de Electores de Redondela, AER, asegura que o Goberno local de redondela vén de enterrar a comisión de investigación sobre a piscina de Chapela, unha actitude que AER considera de falta de respecto aos colectivos sociais desta parroquia redondelá que solicitaron a creación da comisión de investigación, nunha moción presentada a través de AER no Pleno do Concello no ano 2012.

Para os independentes redondeláns e inadmisible que unha comisión deste tipo "leve case catro anos sen ningunha conclusión ao respecto dese proxecto chapuceiro do goberno de Xaime Rei, que duplicou o seu orzamento inicial". A última xuntanza da comisión de seguimento foi en novembro do ano 2014, unha xuntanza á que, segundo AER, "estaba citado o exconcelleiro de urbanismo Emilio González e a arquitecta do proxecto, persoas que non compareceron como se lles pedía".

Nesa xuntanza, lembra a Agrupación de Electores de Redondela, acordouse "a contratación dun equipo externo ao Concello para estudar e sacar un informe do expediente a execución da obra, así como a recepción da mesma".

AER asegura que solicitaron varias veces, por rexistro ao longo destes case 2 anos a convocatoria da Comisión e, segundo afirman, a única resposta recibida foi en outubro de 2015, en que dende a alcaldía comunicóuselle ao grupo indepentente que “debido ao inicio do novo mandato había que incluír a novos representantes dos grupos que forman o pleno do Concello”.

Dende esa resposta, di AER, "o silencio na comisión é absoluto ata o día de hoxe". A Alcaldía de Redondela, segundo AER, "ten un problema coas comisións deste Concello" que cando "comezan a queimar entérraas todo o fondo que pode".

AER cre que un dos motivos que levaron a enterrar esta Comisión é que parte dos numerosos problemas que acarrexa a instalación, dende a súa apertura, "apuntan tamén á recepción da obra feita polo seu Goberno e asinada polo actual concelleiro de medio ambiente".

Segundo explica AER "o expediente apunta a que se recepcionou a instalación deportiva cunha escasa revisión previa". Lamenta AER que por falta de actividade desta comisión, "a veciñanza de Redondela non vai saber endexamais o que pasou en realidade cun dos derradeiros despropósitos urbanísticos do goberno de Xaime Rei no que o proxecto pasou de estar orzamentado en 3.2 millóns de euros aos case 6 millóns que se chegaron a pagar".