Comeza “Redondela en Curto” cargada de novidades

O público sempre arroupou coa súa asistencia, cada unha das edicións de Redondela en Curto O público sempre arroupou coa súa asistencia, cada unha das edicións de Redondela en Curto

Redondela acolle, dende hoxe e ata o vindeiro domingo, 26 de abril, o certame de curtametraxes “Redondela en Curto” que, este ano, presenta novidades de cara a facer máis atractiva, se iso é posible, unha actividade xa de por si interesante. Entre as principais novidades deste edición destacan a sección de cine galego e curtísimas, sorteos entre os espectadores e a presentación da longametraxe sobre a vida do restaurador Ángel Barros, producida por Redondela en Curto.

Durante os catro días de duración do festival proxectaranse no Salón do Multiusos da Xunqueira ‘Con buenas intenciones’, de Virginia Romero; ‘Deber’, do vigués Ángel Manzano; ‘Casitas’, de Javier Marca; ‘0,60 mg’, de Gerard Martí; ‘Cold’, de Iván Martín; ‘Wut’, de Sergi Martí; ‘Los Cárpatos’, de Daniel Remón; ‘Los huesos del frío’, de Enrique Leal; ‘Desintegración’, de Álvaro Martín; ‘Don Miguel’, de Kote Camacho; ‘Mi primer beso’, de Albert Manich; ‘Hyena´s blood’, de Nicolás Caicoya; ‘El vidente’, de Roberto Suárez; ‘En directo’, de Wenceslao Scyzoryk; ‘La ropavejera’, de Nacho Ruipérez, e ‘Safari’, de Gerardo Herrero.

Cuchi Carrera, director de Redondela en Curto, explicaba que o ton xeral dos curtos que compoñen o cartel “depende moito do cinema que se estea facendo no momento”, pero afirma que “case sempre hai máis drama. Non sei por que, pero as curtametraxes cómicas son moito máis difíciles de atopar. Aínda así, nesta edición vai haber moito máis humor que o ano pasado, malia que as temáticas case non varíen”.

Impulso ao audiovisual galego e produción propia
Entre as curtametraxes seleccionadas deste ano, tan só unha é galega, polo que para “dar a coñecer o audiovisual galego do momento, fomentar a cultura na vila e poñer ao de Redondela entre os mellores festivais nacionais, amosaremos aos espectadores unha selección das curtametraxes galegas chegadas ao concurso en varios bares”, sinalou o director.

Así, unha das principais novidades do evento será a sección Cine Galego, coa que se pretende dar un impulso ao audiovisual da comunidade galega. Por outra banda, a sección Curtísimas busca achegar ao público unha selección dos filmes máis curtos presentados á XI edición do certame.

Un dos momentos máis destacados deste festival será, sen dúbida, a presentación da primeira produción audiovisual de Redondela en Curto, unha longametraxe sobre a vida do restaurador redondelán Ángel Barros. Segundo indicou Carreira, “nas edicións anteriores contamos coa exposición dos seus cadros, polo que, dalgunha forma, este filme sobre a súa vida pecha o ciclo. Barros foi un dos mellores restauradores da súa época e durante moitos anos tivo o privilexio de traballar no museo do Louvre”.

Programación
Na xornada inagural de hoxe xoves 23 de abril, ás 21 horas, terá lugar unha actuación musical a cargo do grupo ‘Os mércores musicais’ e a continuación proxectarase o primeiro pase do festival composto polas obras “Los huesos del frío”, “Don Miguel”, “El vidente” e “Safari”.

Pases gratuítos ao festival e photocall
Redondela en Curto apúntase á moda dos selfies. Así, co obxectivo de fomentar unha maior interactuación co público e lograr a implicación dos espectadores co festival, a organización pon en marcha diversos concursos diarios durante a celebración do evento, nos que os asistentes deberán facerse un selfie e subilo ás diferentes redes sociais.
O certame divídese en tres categorías: selfie creativo, selfie durante o festival e selfie de grupo. Os espectadores poderán participar en calquera das categorías establecidas e entre as condicións para gañar o premio están a de ser seguidores do Redondela en Curto en Twitter ou Instagram, subir a foto e empregar o hashtag #Redondelaencurto2015.
Agás o sábado, que o bono tan só será de dous bloques, os participantes optarán a un bono con catro pases gratuítos ao festival para canxear cando prefiran. O autor ou autora da segunda foto máis orixinal será premiado cun pase gratuíto.
Cuchi Carreira cre que “a xente participará neste concurso, porque poden chegar a ver todas as curtas do festival de xeito gratuíto e, ademais, os selfies están moi de moda e son un recordo que se levan desta edición”.
Os interesados poderán consultar as bases do concurso no Facebook do festival, onde cada mañá se publicarán os gañadores dos premios, que podarán recoller o seu bono no Salón do Multiusos antes da proxección das curtametraxes.
Outra das novidades estelares será a instalación dun photocall na zona de acceso á sala de proxeccións. Ademais das colaboracións habituais do Redondela en Curto coa Ruta dos Pinchos e a emisión de curtametraxes nos locais hostaleiros, nesta edición formulouse unha nova forma de colaboración co sector comercial.
Así, todos aqueles que se animen a facer unha foto no photocall entrarán nun sorteo para gañar un vale dun produto ou servizo para canxear nos locais da vila.