“Deber” de Ángel Manzano, gañador de Redondela en Curto

O público, un ano máis, ateigou as salas de proxección nesta nova edición de Redondela en Curto O público, un ano máis, ateigou as salas de proxección nesta nova edición de Redondela en Curto

“Para nós, estar presentes no Redondela en curto, vendo panel de competición no que hai un nivel tan grande, é unha auténtica ledicia. Estar seleccionados no festival xa é un premio moi grande, aínda que se cae o do público non lle imos facer ascos”. Así comezou o seu discurso o director da curtametraxe ‘Deber’, o vigués Ángel Manzano, quen logrou encandilar ao público co seu filme e proclamarse gañador da XI edición do Festival Nacional de Curtametraxes Redondela en Curto, obtendo un premio dotado de 1.500 euros.

Á hora de presentar á súa película ante os espectadores o pasado sábado, Manzano sinalou que ‘Deber’ é un filme que “trata sobre a infancia perdida, o tema de como parece que, cando nos facemos maiores, toda esa forma de distinguir entre as cousas que están ben e cales están mal a imos perdendo co paso dos anos e comezamos a actuar en virtude das condicións socias, é dicir, para gañarnos a unha ou a outra persoa, segundo os nosos intereses persoais”.

O vigués tamén bromeou dicindo que “en ‘Deber’ tamén tocamos por riba un tema que en España case non se coñece, que non está moi de actualidade: á corrupción política. A idea fundamental da curtametraxe é que é o que acontece cando unha persoa de 40 anos comeza a comportarse como se tivera seis, aí é cando xorde a comedia, as risas e as gargalladas”.

Así mesmo, o director aproveitou a súa intervención para agradecer á actriz Mayka Braña, coa que asistíu ao festival, e ao resto do reparto o seu traballo para facer posible a rodaxe da curta que se converteu na gañadora da XI edición do Redondela en Curto. Por outra banda, Manzano tamén agradeceu aos espectadores a súa presenza e destacou que “realmente é unha ledicia ver a tanta xente que sae de casa para vir a empaparse de cine a unha sala de proxeccións”.

O feito de que fose a única curtametraxe galega que competía no festival, a presenza do director no mesmo e a proxección ante unha sala ateigada de espectadores quizais foran algúns dos factores que moveron aos espectadores a decantarse pola película de Manzano, pero o promotor do festival, Fernando Carreira, sinalou que “está claro que a temática e o humor da curta gañadora deixa pegada entre a xente, pois a corrupción entre a clase política está á orde do día”.

Balance positivo
Pola súa parte, o director do Redondela en Curto, fixo unha valoración moi positiva da XI edición do festival, xa que “a afluencia de público, a calidade das películas recibidas e a implicación dos espectadores coas novidades deste ano deixan un balance moi satisfactorio”, indicou. Así, sinalou que o público participou nas actividades levadas a cabo nos locas da hostalería de Redondela, no photocall e no concurso de selfies.

Sen dúbida, un dos momentos máis destacados e emocionantes do festival foi presentación da primeira producción audiovisual de Redondela en Curto, unha longametraxe sobre a vida do restaurador redondelá Ángel Barros. Ante unha sala atiegada de xente, proxectouse a película documental na que o protagonista fai un percorrido polas principais anécdotas da súa vida e da súa traxectoria profesional.

Carreira comentou que “tanto Miguel Borines, coma min, estamos moi orgullosos deste traballo, xa que ademais de ter unha boa acollida entre o público asistente, sabemos de boa man que Ángel Barros tamén quedou moi contento co resultado do documental”.

A través de pequenas pinceladas, Barros rememora na longametraxe aqueles episodios que dalgunha forma o marcaron para sempre. A ovación do público e a posta en pé de toda a sala ao rematar a proxección deixou claro que non foi o único ao que a película lle deixou pegada.