O traballo de Redondela a prol do medioambiente, premiado co «Concello Recicla-Activo»

O Concello de Redondela vén de recibir o premio «Concello Recicla-Activo» da Xunta de Galicia, polo traballo desenvolvido a prol do medio ambiente en materia de reciclaxe e xestión sostible de resíduos. O premio foi entregado, no Salón de Plenos da Casa do Concello, pola directora de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Crus Ferreira Costa.

O obxectivo do concurso non era outro que poñer en valor o esforzo que concellos como o de Redondela, fan non só no traballo pola xestión sostible dos resíduos, senón tamén por formentar na cidadanía costumes medioambientalmente saudables, como a correcta separación dos residuos, con especial atención a segregación de envases lixeiros e envases de papel e cartón. Recoñecíase tamén con este premio, o traballo que o Concello de Redondela desenvolveu a prol da concienciación da cidadanía sobre a necesidade de constribuír á reciclaxe.

Como gañador, o Concello de Redondela recibiu un diploma acreditativo e un premio en equipamento urbano medioambiental valorado en 2.500 €.

O xurado, composto por representantes da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de Ecoembes e de Sogama, valorou sobre todo a implantación do seu Plan de Reciclaxe e Compostaxe Redondela (2016-2020), a constante evolución na mellora da súa recollida selectiva, así como as numerosas campañas e eventos desenvolvidos para o fomento da reciclaxe no municipio.