Logo
Imprimir esta página

«A visión das mulleres» encheu a Casa da Cultura de Redondela

De esquerda a dereita, a actriz e directora Uxía Blanco; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e a deputada e concelleira Digna Rivas, na charla coloquio que seguiu á proxección de «Visións» De esquerda a dereita, a actriz e directora Uxía Blanco; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e a deputada e concelleira Digna Rivas, na charla coloquio que seguiu á proxección de «Visións»

A xornada de cine «A visión das mulleres», organizada polo PSdeG-Redondela, fixo que a casa da Cultura de Redondela quedara pequena na tarde noite de onte venres. A pesar do desapacible da xornada, numerosos veciños e veciñas déronse cita na instalación cultural para asistir a un acto que tiña como obxectivo "visibilizar o traballo de todas as mulleres que desenvolven o seu labor nun mundo especialmente complicado como é o do sector audiovisual".

A deputada e concelleira socialista no Concello de Redondela, Digna Rivas, exercía de mestra de cerimonias explicando explicando, brevemente, o contido de «Visións», un traballo dirixido por Xisela Franco e producido por Beli Martínez, que agrupaba curtametraxes de diferentes creadoras. Rivas destacou, nas súas palabras, a importancia de resaltar e poñer en valor o traballo que desenvolven as mulleres que fixeron, do mundo audiovisual, a súa profesión "cineastas, editoras ou guionistas da nosa provincia dun sector, como o audiovisual, no que a muller o segue a ter moi difícil á hora de abrirse paso".

digna rivas vision das mulleres 01

Á introducción de Digna Rivas seguía a proxección de «Visións», un traballo espectacular, cheo a partes iguais de dramatismo e beleza plástica, de imaxes impactantes e realización exquisita, no as creadoras pontevedresas expresaban a súa particular visión da muller actual, dos seus problemas e as súas inquedanzas e da loita por unha igualdade que, por desgraza, segue lonxe de ser efectiva.

Entre os traballos, figuraba «Corpo preto» da directora e realizadora redondelá Diana Toucedo, que unha vez terminada a proxección de «Visións» e nun vídeo, ameno, agradable e moi ilustrativo, explicaba aos presentes tanto os seus proxectos como a importancia de traballos como «Visións» que visibilizan, "dende diferentes perspectivas, unhas máis abstractas e outras máis realistas, a realidade da muller actual". Diana Toucedo é, por certo, directora da extraordinaria longametraxe «Trinta lumes» ─de visión obrigada─ película moi persoal chea do misticismo e esoterismo que rodea unha zona máxica como pocas como é o Courel.

Finalmente, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da actriz e directora Uxía Blanco, abría a charla coloquio na que a presidenta da Administración provincial chamaba a atención sobre "o absurdo da desigualdade" nunha sociedade na que, explicaba Silva, "o 58 por cento da poboación son mulleres que, a pesar da súa valía, seguen a ser relegadas e discriminadas laboralmente".

© 2015 Comarcasnarede.es Todos los derechos reservados