Abril, mes inclusivo nas Bibliotecas de Redondela

Abril é o mes dedicado ao libro, polo que as Bibliotecas Municipais de Redondela celebrarán esta efeméride con diversas actividades encamiñadas a fomentar a lectura na cidadanía, e que inciden de modo destacado na inclusividade. Así con ocasión de lembrar as dúas datas máis importantes relacionadas co libro: o Día do Libro Infantil (día 2) e mais o Día do Libro e dos dereitos de autor (día 23), este ano celebrarán, nas dúas bibliotecas, os «Contos inclusivos no mes de Abril».

O 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil, terá lugar na Biblioteca P. M. Valle-Inclán de Redondela o contacontos, para nenas e nenos desde os 4 anos, «Imos Buscar...» (Baseado no texto «Imos cazar un oso» de Michael Rosen). Unha aventura que fusiona a linguaxe verbal (lingua galega), xestual (lingua de signos) e audiovisual (proxección), recreando espazos imaxinarios cheos de sensacións táctiles provocados polos elementos da natura, auga, terra, vento, etc. Unha aventura de un día calquera, alén da tecnoloxía, recreando a liberdade do xogo e das sorpresas sensitivas que nos aporta a propia natureza. Será ás 18:30 h., na Sala Infantil da biblioteca con entrada libre e de balde.

O 23 de abril, Día Internacional do Libro, terá lugar na Biblioteca de Chapela o contacontos, para nen@s desde os 4 anos, «Un conto con moito conto», baseado no texto «O agasallo perdido do pai Nadal» de Marc Donat. Será ás 18:30 h., na biblioteca de Chapela, con entrada libre e de balde.

O 27 de abril, nas dependencias da biblioteca de Redondela, iniciará a súa andaina o Club de Lectura Fácil inclusivo, organizado pola Asociación Andaina Redondela coa colaboración das Bibliotecas de Redondela e a Fundación Filomena Rivero Alonso. A lectura fácil, xorde da necesidade da sensibilización cara as persoas con dificultades de lectura ou de comprensión lectora. Este club de lectura ten como obxectivo crear un novo espazo lector inclusivo na Biblioteca Pública Municipal de Redondela, ofrecer un servizo adaptado ás necesidades de cada lector, preparar aos membros para formar parte dos clubs de lectura de adultos das bibliotecas.