21.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasEU de Ponteareas cuestiona a baixada da partida de emerxencia social e...

    EU de Ponteareas cuestiona a baixada da partida de emerxencia social e propón modificar a súa ordenanza

    Esquerda Unida de Ponteareas vén de amosar o seu desacordo coa modificación orzamentaria aprobada polo Goberno ponteareán onde, afirma a formación asemblearia “retíranse 50.000 euros da partida de emerxencia social. Segundo EU, o incremento desta partida nos orzamentos de 2021, pasando dos 120.000 euros anteriores aos 200.000 “debería ser utilizada para modificar a ordenanza de emerxencia social de xeito que dera unha maior cobertura ás persoas faltas de recursos do noso concello”.

    Pon Esquerda Unida como exemplos coñecidos de carencia a do Centro de Reparto de Alimentos “que soamente proporciona ás persoas beneficiarias unha canastra moi básica e insuficiente, ou os problemas de vivenda de moitas veciñas e veciños tal e como veñen denunciando colectivos do noso concello, por poñer dous exemplos”.

    Para EU, a xustificación dada polo concelleiro de Facenda para facer esta modificación de que o ano pasado se empregaron desta partida algo menos de 100.000 euros, “non indica que a veciñanza do noso concello teña as súas necesidades cubertas, se non a falta de vontade do goberno local á hora de resolver os problemas vitais da cidadanía”, explican.

    Por outra banda, segundo EU tamén se retiran un total de 61.800 euros do capítulo un dos orzamentos, dedicado aos gastos de persoal “cando a día de hoxe o Concello aínda non comezou a aplicar o pagamento dos pluses acordados no convenio colectivo vixente dende xaneiro de 2019”.

    Esquerda Unida cualifica a política como “unha cuestión de prioridades” polo que, afirman, está moi ben investir recursos municipais en mellorar o entorno do casco urbano, “pero a principal preocupación dos e das gobernantes municipais debería estar en garantir unhas condicións mínimas de vida digna para toda a veciñanza e despois o resto”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.