Alberte Momán, «Tripas»

A editorial Belagua presenta neste volume o último poemario de Alberte Momán, «Tripas», un libro formalmente visceral e un tanto negativista no seu contido, pois o entorno no que nos movemos nos últimos tempos non é para menos. E preséntao en dobre versión, a orixinal en galego e maila tradución ao castelán realizada por Estefanía Busto Dopazo.

Francisco X. Fernández Naval, «Alma e o mar»

Non sei se a vós vos pasa, pero eu, cando comezo a ler unha novela, o primeiro que busco e ese fío que me vai conducir ao longo do relato, ese espiñazo sobre o que se articula a historia, a esencia do argumento. Acostuma a aparecer nas primeiras páxinas e, cando iso non sucede, síntome perdido e iso provoca un certo desacougo na lectura que dificulta o seu disfrute. O caso de «Alma e o mar» foi unha excepción.

O valor da fantasía

Aproveitamos a inminente visita dos Reis Magos para botarlle unha breve ollada á literatura infantil e xuvenil da man de dous autor@s que son referentes das nosas letras: a prolífica María Canosa, que chega a nós co último Premio Merlín de Literatura Infantil debaixo do brazo, a novela «Muriel», e un home de teatro como é Euloxio R. Ruibal que vén de publicar un libro de contos para nenos: «Formigas, risas, flores e dinosauros». Quizais, suxerencias de última hora das que paga a pena falar.

Manrique Fernández “«Hermes, aprendiz de mago» é froito dun enfado”

Manrique Fernández, lugués da Terra Chá por nacemento, ponteareán de sentimento, vén de publicar «Hermes, aprendiz de mago» unha obra de teatro infantil. Esquecéuseme ─a pesar dos moitos anos que levamos de amizade─ que unha conversa con Manrique é algo así como un longo camiño que comeza a percorrerse nun punto determinado, pero que nunca se sabe onde vai rematar. O certo é que escoitalo falar de libros, literatura e cultura, é sempre un pracer.

Santiago Lopo, «A arte de trobar»

Santiago Lopo gañou este ano o Premio Xerais coa novela «A arte de trobar», un relato de ambientación histórica que se sitúa no século XIII. Estamos, xa que logo, no período de declive da lírica provenzal e de eclosión da lírica galega, cuestión esta que marca o argumento. Pero estamos tamén nun intre confuso e de cambios profundos, tanto culturais coma sociais ou políticos, no que aboian as loitas polo poder e a persecución relixiosa.

Marcos Calveiro, «O xardineiro dos ingleses»

O feito de que «O xardineiro dos ingleses», a última novela de Marcos Calveiro, veña avalada por un galardón do prestixio do Premio García Barros, xa nos fai presaxiar que estamos diante de algo, cando menos, interesante. E abofé que a meticulosidade desta historia para desenvolver varias tramas dende distintos espazos temporais e a habilidade e oficio de Calveiro para facérnolas chegar, déixanse ver ao longo deste voluminoso traballo.

Carlos Meixide, «A memoria dos meus pasos»

 

«A memoria dos meus pasos» é a novela por entregas que Carlos Meixide publicou durante o pasado mes de agosto no xornal dixital Praza.gal. Xa antes de iniciar a publicación, o autor anunciara a súa intención de editala posteriormente en papel, de maneira que tomou a decisión de facer unha campaña de crowfunding e velaquí o resultado.

Podiamos definir esta novela como «de intriga emocional», pois o protagonista chega a Porto despois de recibir unha misteriosa mensaxe dunha antiga amante que, logo de varios días desaparecida, solicita a súa axuda. A vella relación con Paula, que así se chama, xogará un papel fundamental na historia, pois semella que a ruptura nunca chegou a se materializar de todo. E ese pouso é o que arrastra ao protagonista nesta aventura.

Nas súas pesquisas tras dos pasos de Paula, atopará unha manchea de personaxes bastante peculiares, xente á marxe dos convencionalismos sociais habituais, que supoñen a faciana máis retranqueira da historia pois, cargados de comicidade e de sentimentalismo, fan de contrapunto á intriga. Por outra banda, son os que guiarán os pasos do protagonista pola parte máis escura e sórdida da cidade nas súas indagacións para desenlear a trama. Desta maneira, a propia cidade adquire unha dimensión moi especial ata se converter nun personaxe máis do relato.

«A memoria dos meus pasos» ten un parentesco bastante evidente co xénero policiaco pero, a diferencia do habitual, a intriga pasa ás veces a un segundo plano fronte á relación sentimental entre os protagonistas. De aí a denominación de «intriga emocional» que lle quixen aplicar á novela. Tamén chama a atención o emprego do portugués na maioría dos diálogos, pois está inserido con total naturalidade e aporta unha dose extra de credibilidade.

Este novo traballo de Meixide é, ao meu entender, o máis maduro da súa traxectoria: revitaliza e actualiza o folletín decimonónico a través dunha historia ben argallada e ben dosificada, con elementos contrastados e sorpresas agochadas para que non resulte monótona, cunha linguaxe clara e sinxela, aínda que de cando en vez se deixe levar por imaxes máis traballadas, e un protagonista que narra en primeira persoa os pasos da investigación e que é capaz de enganchar ao lector para arrastralo con el ao fondo da intriga.

Coido que non resulta doado, partindo da idea orixinal da novela por entregas, encaixar todas as pezas nos capítulos necesarios para cubrir un mes, cunha extensión similar, e de maneira que cada un deles nos deixe coa mel nos beizos para seguir o relato ao día seguinte. Pero o autor consegue aportar ese fío que nos enlea na trama sen deixarnos respirar ata levarnos a un final que non é tal...

a memoria dos meus pasosCarlos Meixide
A memoria dos meus pasos
Autoedición
136 páxinas

 
Suscribirse a este canal RSS