Logo
Imprimir esta página

O talaso natural de Baiona, segundo nos premios de destinos sustentables de Berlín

O Concello de Baiona vén de recibir o segundo premio na categoría «Best of seaside» (O mellor da zona costeira) dos prestixiosos premios «The Best of Top 100 Destinations», que a organización internacional Green Destinations concede aos 100 destinos máis sustentables de todo o mundo no 2018. Os finalistas en cada categoría, como foi o caso de Baiona, foron seleccionados por un comité de expertos de diferentes organizacións internacionais.

O veredicto final coñeceuse o pasado 6 de marzo nun evento realizado no marco do Salón Internacional de Turismo ITB de Berlín (Alemaña), dedicado a recoñecer a innovación e boas prácticas na xestión turística dos destinos e operadores turísticos que traballan na procura da calidade e a sustentabilidade turística.

A iniciativa presentada por Baiona para a súa valoración foi o Proxecto Poseidón consistente na recuperación dunha antiga cetaria e a súa reconversión nun talaso natural ao aire libre. Este proxecto buscaba a rehabilitación patrimonial e valorización ambiental dun elemento tradicional como son as cetarias.

A iniciativa desenvolveuse en dúas fases: a primeira, no ano 2014, consistiu na recuperación da cetaria e a súa reconversión en solárium. En 2018 levou a cabo a segunda fase, consistente na instalación de material para convertela en talaso natural para goce de veciños/ as e visitantes e aproveitamento das propiedades beneficiosas da auga do mar para a saúde, de forma gratuíta.

© 2015 Comarcasnarede.es Todos los derechos reservados