Logo
Imprimir esta página

BaideTapas, cando Baiona transfórmase en gastronomía

O Mesón Fidalgo de Sabarís, establecemento que no pasado ano 2018 obtiña o recoñecemento á segunda Mellor Tapa da pasada edición do BaideTapas, foi o escenario elixido para a presentación da cita anual que converte a Baiona nun claro referente da calidade gastronómica do sur de Pontevedra. Entre os días 9 de maio e 2 de xuño, veciñanza e visitantes poderán degustar un total de 23 tapas, a cada cal mellor, noutros tantos establecementos cun prezo de 2,50 € ou 3,90 € se é combinado cun dos catro viños patrocinadores da campaña.

Ao igual que en anos anteriores, os consumidores deberán selar o pasaporte e valorar as tapas de, polo menos, 6 establecementos para poder participar no sorteo de máis de 23 premios. O primeiro premio consistirá nunha experiencia completa para dúas persoas, para coñecer os 5 municipios de Asturias e Cantabria que, xunto con Baiona, forman parte da Asociación Vilas Mariñeiras, incluíndo aloxamento, pensión completa e actividades en cada Vila. Sen dúbida, un excepcional premio.

Da valoración dos consumidores sairán os nomes das tres tapas que conseguirán o primeiro, segundo e terceiro 'Premio á Mellor Tapa 2019'. Unha vez máis, un xurado profesional, composto por persoas relacionadas co mundo da hostalería, de xeito anónimo, realizarán a ruta visitando os 23 establecementos.

baidetapas 2019 02

Imaxinación, calidade e suxerentes nomes
Non cabe dúbida que os 23 establecementos participantes dedicaron moito tempo e botáronlle moita imaxinación ás súas creacións gastronómicas que, agás polo ouvido, son un agasallo para os outros catro sentidos, incluídos suxerentes nomes. Así A de Sabas preséntase a esta cita co seu Trampantojo salado a desayunar (fariña, ovo, aceite, pan raiado, carne de tenreira, sal, cebola, allo, pemento, iogur, panceta e verduras variadas). Ágora de Nyx presentará El Ágora (pan de millo, pasas, noces, queixo, pemento, bacallau, allo, perexil, aceite de oliva e cebolas). Bar Élysées ofrece o seu Escargot Élysées (caracois caseiros, manteiga, perexil, allo, sal, e pemento, todo ao forno). Bar Kchote escolle nesta edición a tapa denominada Kchotaco (carne, queixo e millo). Pola súa banda, Bar Xacoba opta polo Gua Bao (carne, cogombro e coandro). Bay One pásase ao dolce con Sweet Glass (crema de abelá con gallega oreo e nata). Tamén apúntase ao doce Cafetería Anunciada co Capricho de chocolate y fresas (fariña, azucre, ovos, chocolate, fermento, nata e amodoros). Voltando ao salgado Camu-Camu. Tapería Peruana ofrece neste BaideTapas o Dumpling de pato galainca (saquiños recheos de ceviche de pato quente sobre folla de guicho e salsa doce de mirabeles). Central Park decídese por Tinga Central Park (barquiñas recheas de carne picada con salsa picante e crema de iogur). Ecoadega presenta a súa tapa Atlantis (langostino, queixo, pan xaponés, salsa, maionesa, allo, pataca, anchoa cóengo e piquillos). 
 
Estación Marítima de Baiona elabora para veciñanza e visitantes o seu Timbal de carne mechada con puré de boniato y papa (carne, cebola, patacas, boniato, viño branco, plátano, aceite de oliva, orégano, manteiga, fariña e cravo). Xamonería Jaqueyvi elixe para esta cita gastronómica o seu Crunchy de pollo con emulsión kimchee y alioli nero (polo, cereais, leite, salsa kimchee, maionesa, allo, tinta de calamar e aceite de xirasol). La Crep elabora Caprese siglo XXI (tomate, mozzarella, oliva kalamata e pesto). La Mini busca sorprender co seu Minibocado (bocarín de xamón asado con salsa de queixo de cabra acompañado de patatas palla). A Taberna do Pintor, para non quedarse atras, compite coa súa Tosta de piquillo caramelizado con ventresca (tosta de pan, pemento do piquillo e ventresca de atún en conserva).
 
Pola súa banda,  Mesón Fidalgo presenta Sal y pimiento (pementos asados, bacallau, nata, aceite e allo). Olivando elixe para a ocasión Tosta da bacallao ahumado Olivando (bacallau afumado, pan, confeitura de tomate natural, bombóns de tomate e redución de Martín Rosso). O Parador de Baiona elabora para a ocasión o Baguett-criollo/fish y chimichurri de algas (peixe, especias, criollo, fariña, clara de ovo e chimichurri de algas). Pub Coctelería Bibendum prepara un suxerente Foi & Cia (foie, xamón ibérico, mazá, tomate, leituras, noces, framboesa e vinagre de módena). Queimada Gastrobar presenta o seu El sabor del gofre (fariña, auga, fermento, pataca, ovo, cebola, espinaca, costela de porco). Recuncho Mariñeiro elabora para este BaideTapas un moi atractivo Os Tendais (langostino, fariña, azure e sal). Restaurante-Cafetería Monterrey opta polo clásico con Lacón con grelos (lacón, pataca, grelos e chourizo) e, por último Tapería O Rincón acode ao BaideTapas 2019 con o non menos clásico Cocido Gallego (pataca, orella, morro, chourizo, carne de tenreira e grelos).
 
Son, polo tanto, 23 excelentes tapas ideadas para satisfacer todos os gustos. Ademáis, no libriño no que os participantes anotarán a nota que lle dan a cada establecemento, figura un detallado mapa de situación de todos e cada un dos establecementos, os horarios e días en que se sirven estas tapas e, ademais, se son aptas para celíacos e se conteñen ou non lactosa. Unha información, polo tanto, máis que completa.
 
baidetapas 2019 01

"O tapeo é establecer conversación, facer rúa"
Tiñamos ocasión de falar, na presentación do BaideTapas 2019 co alcalde de Baiona, Ángel Rodal que amosaba, entre outras cousas, o orgullo de presentar "unha cita gastronómica que se achega á década e que no pasado ano serviu máis de 30.000 tapas". Rodal ten claro o espírito do 'tapeo' que non é outro que establecer conversa, facer rúa, tapear nos locais e "algo que non poden dicir moitos, ao mesmo tempo gozar dun casco histórico fermosísimo en Baiona ou de lugares fermosos como Sabarís".

Ángel Rodal subliñaba, a participación e implicación dos establecementos de hostalería. "O Concello e Aceba, –sinalaba o alcalde– mateñen aberta esta cita a todos cantos queiran participar e certo é que ano tras ano, repiten e compiten", explica o alcalde de Baiona. "É unha competencia sana e moi atractiva porque esméranse para ver quen, ao final, gaña ese premio á mellor tapa". Ángel Rodal espera que durante estes 25 días do BaideTapas "visítenos moita xente. Dende turismo fixemos unha boa campaña publicitaria e dende aquí animamos a todos e todas a que gocen, nestes días, tanto da gastronomía como das moitas cousas que Baiona pode ofrecerlles".

Ten claro, o rexedor Baionés, a importancia do BaideTapas, como parte das iniciativas desestacionalizadoras do Turismo "como tamén o é o BaidePinchos" pero a estas iniciativas "puntuais" engádensele outras que buscan ese efecto durante todo o ano "como é o recentemente presentado Baiona Campus Residencial Universitario e o estar en pleno Camiño de Santiago pola Costa, a ruta xacobéa de maior crecemento que, afirma Rodal "son dúas iniciativas autenticamente desestacionalizadoras porque se desenvolven durante todo o ano".

© 2015 Comarcasnarede.es Todos los derechos reservados