Baiona, beneficiada pola axudas de accesibilidade e sinalización de recursos turísticos do medio rural

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, visitaron o miradoiro do Cortelliño, un dos enclaves beneficiados desta subvención que permitirá sinalizar os espazos naturais, as rotas de sendeirismo, as praias marítimas e fluviais, os bens de interese cultural e os miradoiros.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, visitaron onte miradoiro do Cortelliño por ser un dos lugares onde se actuará grazas as subvencións de Turismo de Galicia para o fomento da accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos do medio rural. Esta liña de subvencións tiña como obxectivo dotar ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para que se converta nun destino accesible para todos a través da adecuación dos recursos.

Aínda que a orde de convocatoria saíu publicada tempo atrás, recentemente ampliouse a dotación orzamentaria e veuse de notificar a resolución aos concellos. Deste modo, 103 municipios de toda Galicia, entre eles Baiona, vanse beneficiar de dita subvención e así o turismo galego continuará avanzando no camiño cara a sostibilidade e accesibilidade dos recursos.

Os enclaves onde se vai actuar na súa adecuación e sinalización serán os espazos naturais, as rotas de sendeirismo, as praias marítimas e fluviais, os bens de interese cultural e os miradoiros. Concretamente vanse levar a cabo a construción, ampliación ou mellora de aparcadoiros para o acceso aos recursos turísticos, a pavimentación dos accesos, pasarelas, ramplas e eliminación de barreiras arquitectónicas, a construción, rehabilitación ou mellora das instalacións que contribúan a mellorar os accesos e circulación dos visitantes e a dotación de equipamentos das referidas instalacións, a rehabilitación ou mellora da accesibilidade dos espazos naturais e a dotación de equipamentos nestes, así como a sinalización, información visual e información táctil.

Nava Castro lembrou que, ademais do acondicionamento do miradoiro do Cortelliño, tamén se acondicionará na comarca de Vigo, o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos do medio rural do concello de Mos, a colocación de 33 paneis informativos e interpretativos no concello de Nigrán e as actuacións de posta en valor e uso público do río Maceiras no concello de Redondela.

Outras das actuacións que se levará a cabo nas proximidades será a sinalización da ruta dos Muíños do Folón e do Picón do Rosal destruída por un incendio, actuacións na ponte colgante de Acevedo no concello de Oia, a sinalización do Camiño dos Frades nas Neves, a mellora da accesibilidade na praia fluvial de Maceira situada no concello de Covelo, a sinalización de diferentes recursos turísticos de Mondariz e o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos do concello de Ponteareas, “Estas actuacións constitúen un paso máis no labor a prol da consolidación de Galicia como un destino turístico accesible tal e como recolle o Plan Integral de Turismo de Galicia”, dixo a directora de Turismo de Galicia.

Galicia turismo accesible
Unha das acción a desenvolver no Plan Integral de Turismo de Galicia é a posta en marcha do programa “Galicia turismo accesible” integrada na terceira liña estratéxica referente a Galicia como destino ambiental, social e economicamente sostible.

O obxecto da acción é aglutinar aquelas experiencias postas en marcha en diferentes destinos galegos e deseñar novas accións para presentar unha oferta turística de turismo social apta para todas as persoas, con independencia da súa idade, discapacidade ou situación.

Para cumprir con este obxectivo, Turismo de Galicia, en colaboración con outras consellerías, as corporacións locais e o tecido empresarial e asociativo, impulsou accións como o deseño dun Plan Director de Accesibilidade Turística en Galicia, coa finalidade de converter a Galicia nun destino accesible en canto ao acceso aos recursos e aos servizos. Este plan terá o obxectivo de superar as barreiras no acceso aos recursos turísticos e apoiar aos axentes turísticos na formación en accesibilidade para deseñar servizos adaptados. Ademais tamén se incide na formación práctica e sectorializada en materia de accesibilidade para empresas turísticas e persoal da administración, o apoio para a adaptación de infraestruturas e empresas turísticas á normativa vixente e a criterios DALCO (Deambulación, Aprehensión, Localización e Comunicación) e a colaboración cos destinos que xa teñen deseñadas accións dirixidas ás persoas con discapacidade para potencialos como destinos turísticos accesibles.

Importante incremento do turismo rural
Alén das actuacións relativas á accesibilidade e a sinalización que se realizarán no medio rural, Nava Castro recordou que os establecementos de turismo rural continúan a incrementar as súas cifras de demanda superando no pasado mes de xuño un 22,7% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 20,6% as pernoitas do mesmo mes do pasado ano. A ocupación nestes establecementos tamén aumentou en 2,71 puntos porcentuais.

Os datos do primeiro semestre do turismo rural tamén continúan nesta liña, dado que os viaxeiros aumentaron nun 21,3% e as pernoitas nun 15,6% en relación ao mesmo período do pasado ano.
A directora de Turismo de Galicia afirmou que estas cifras amosan o potencial e o gran atractivo que ten o medio rural e de aí que se continúe traballando na potenciación da accesibilidade e na sinalización deste entorno.