Baiona énchese de cor e adobíase para o Nadal

Baiona énchese de cor coas plantas que o Concello, a través da Concellería de Medio Ambiente, está a plantar nas principais rúas, rotondas, prazas e paseos da Vila de cara a que, nas festas de Nadal, a Vila do Descubrimento presente o seu mellor aspecto para veciños e visitantes.

O Paseo Ribeira, o Paseo Marítimo, a  Avenida Julián Valverde, a Praza de Vitoria Cadaval, a contorna de Santa Liberata, a rotonda de Colón así como as rotondas de entrada ao municipio son algún dos lugares nos que o Servizo de Parques e Xardíns iniciou esta semana as plantacións.

O tipo de flor utilizada é o cyclamen. Nalgún punto concreto do municipio, como a rotonda de Colón, lugar moi transitado polos veciños, optouse por plantar poinsettia (flor de pascua), como chiscadela ás festas do Nadal tan próximas no calendario.

Os traballos que están a realizar os operarios céntranse en acondicionar a terra, abonala e plantar  as novas plantas. O mantemento leva a cabo mediante rega por goteo. Ademais, os operarios controlan diariamente o abonado e a limpeza das malas herbas.

A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe María Igrexas, anunciou xa intención de seguir no próximos quince días poñendo "cor ao municipio", e continuar coas plantacións nas zonas verdes. Polo momento, plantáronse unhas 530 plantas, e chegarase á  cifra de 1.000.

Ademais das plantacións, o Servizo de Parques e Xardíns, leva a cabo as campañas anuais de reposición, poda e tratamento de árbores singulares, a resolución diaria de incidencias, segas de céspede?entre outras moitas funcións.

"O obxectivo é que tanto os baioneses como os turistas que nos visiten durante as festas atopen a localidade en perfecto estado, e poidan gozar e vivir as prazas e espazos públicos", explicou a concelleira María Igrexas.