“A Arribada” candidata aos II Premios ‘del viajar’ da revista 'La Alacena Roja'

A Festa da Arribada é unha das candidatas aos premios que, anualmente, convoca a prestixiosa páxina web 'La Alacena Roja' na súa modalidade de 'del viajar'. A festa baionesa terá que competir coas rutas xacobeas englobadas nos Camiños do Norte e Primitivo; a Quinta de San Amaro, a Ruta do Viño das Rías Baixas e Compostela Boutique Hotels.

As votacións estarán abertas na web www.laalacenaroja.com ata o vindeiro día 11 de decembro. Tres días despois, coincidindo coa celebración do II aniversario desta publicación, farase entrega aos gañadores do certame nas súas distintas categorías xa que, amais da denominada 'del viajar', se entregarán os premios aos gañadores das outras dúas categorías 'del comer' e 'del beber'.

Dende o Concello de Baiona queren animar a todos os veciños e veciñas e a todas aquelas persoas que así o desexen, a votar pola Festa da Arribada, festa baionesa por excelencia que vén de acadar o seu recoñecemento como Festa de Interese Turístico Internacional, máxima catalogación de carácter honorífico coa que se pode distinguir a un evento cultural do patrimonio español.