Os Premios Nacionais de Vela recoñecen o compromiso de Abanca coa vela base

Unha das numerosas regatas de vela infantil que Abanca apoia en Galicia / Foto: © Samuel Montouto Unha das numerosas regatas de vela infantil que Abanca apoia en Galicia / Foto: © Samuel Montouto

ABANCA foi distinguida este ano co Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao mellor patrocinador polo seu compromiso coa vela de base a través do apoio que presta a numerosas escolas de vela, clubs, organizacións e empresas relacionadas coa actividade náutica. O xurado que outorga os galardóns quixo recoñecer con este premio o traballo que o banco con sede en Galicia realiza para impulsar a vela e permitir que miles de nenos poidan iniciarse cada ano na práctica deste deporte.

Do mesmo xeito que durante décadas fixérono as súas entidades de orixe, ABANCA mantén unha estreita relación coa vela en todas as súas vertentes, baseada, segundo afirman desde a entidade, nos seus valores formativos, deportivos e económicos.

Ademais do apoio á vela de base, no apartado competitivo, ABANCA apoia tamén a vela adaptada para persoas con discapacidade e a celebración en augas galegas de múltiples regatas de diferentes clases e niveis, como a Semana ABANCA Sailing & Rowing Week, que na edición 2015 logrou a distinción de Mellor Regata de Vela Lixeira de España, ou a Regata Infanta Elena.

Así mesmo, ABANCA apoia desde a súa función como entidade financeira, diferentes proxectos empresariais relacionados co sector náutico, ao consideralo unha actividade económica cun gran potencial de xeración de emprego e riqueza.

Os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda entregaranse o próximo 3 de setembro en Baiona coincidindo coa celebración do Trofeo Príncipe de Asturias do Monte Real Club de Iates. Directivos de ABANCA confirmaron xa a súa asistencia para recoller o premio da entidade ao mellor patrocinador do ano.